O artista ourensán exhibe unha mostra de pintura e escultura, na que fai un repaso aos seus referentes vitais, con especial protagonismo do seu pai
O artista Juan Manuel Rodríguez Martínez (Ourense, 1956), ‘Romar’ inaugura hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel a exposición “Pinceladas dunha vida”. Trátase dunha serie de pinturas e esculturas nas que o autor fai un repaso aos seus referentes vitais, con especial protagonismo do seu pai. O deputado de Cultura e vicepresidente primeiro da Deputación, César Fernández, participou no acto de apertura da mostra, enmarcada no compromiso da institución ourensá coa cultura como un dos eixos estratéxicos do goberno provincial.
“Meu pai ensinoume todo o que un ser humano necesita saber e da única maneira que se pode ensinar: co seu exemplo”, traslada Romar sobre as referencias da súa obra.
Ademais dos referentes familiares, na exposición tamén hai referentes plásticos do artista como Giacometti ou Van Gogh e persoeiros da vida social ourensá coma o doutor Gallego.
Un peso especial na mostra está na crítica social que desprenden boa parte dos seus traballos, a decadencia dos grandes valores ou o materialismo económico imperante na actualidade.
A exposición poderá visitarse ata o 4 de maio.