HomeO CondadoAs NevesSalvaterra e As Neves coñecen os "Tesouros Humanos Vivos" do Miño

Salvaterra e As Neves coñecen os “Tesouros Humanos Vivos” do Miño

- Anuncio -spot_img
Os nenos e nenas do colexio Infante Felipe e o CEIP Marquesa Pazo da Mercé asistiron hoxe aos contacontos da Deputación 

Escoitaron da man de Polo Correo do Vento que son as pesqueiras, as variedades dialectais da raia ou as músicas e os traballos tradicionais

A rapazada dos concellos de Salvaterra e as Neves aprenderon hoxe como se desenvolve a pesca tradicional da lamprea e achegáronse á práctica da transhumancia, dúas mostras de traballos artesanais que aínda sobreviven nos concellos da raia. Escoitaron a importancia de conservar o idioma, nalgúns casos en risco de desaparecer como a variedade dialectal do ‘goianés’ e coñeceron particularidades musicais como as treboadas.

Da man de Polo Correo do Vento, o alumnado de ambos os dous colexios coñeceu dun xeito lúdico e divertido estes aspectos do noso patrimonio inmaterial. Uns contacontos que están a percorrer diferentes centros educativos dentro da iniciativa ‘Tesouros Humanos Vivos’ da Deputación, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza de Uxío Benítez.

As historias de Enrique Mauricio chegan ao alumnado cargadas de ritmo coa música en directo do ukeleñe de Antón Ké. A continuación o ilustrador Carlos Taboada anima á rapazada a participar elaborando os seus propios debuxos e ilustracións que pasarán a decorar o centro educativo.

O obxectivo da actividade – que se desenvolveu, como non podía ser doutro xeito, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus- é poñer en valor as biografías homenaxeadas dentro do proxecto de recuperación da memoria galego-portuguesa e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

A iniciativa, que xa pasou polos colexios Manuel Sieiro de Crecente, o Colexio Padres Somascos da Guarda e o CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal rematará este primeiro ciclo de actuacións nos centros educativos de Tomiño e Tui.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Publicacións Relacionadas