A función terá lugar este martes 24 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal e está dirixida a público infantil e familiar
O Auditorio Municipal de Cambados acolle este martes 24 de outubro a obra “As bombas e o xeneral”, un espectáculo de Tanxarina Títeres que chega no marco do “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 19:00 horas e a entrada será libre ata completar aforo.
No espectáculo recréase con siluetas animadas, música e actores a historia dun xeneral que quere organizar unha guerra e, para iso, conta cun arsenal de bombas atómicas. Os átomos, sabedores das intencións do militar, deciden fuxir a un lugar mellor, frustrando as intencións do seu xefe. A obra de Tanxarina Títeres, pensada para un público infantil e familiar, aborda este tema de actualidade para concienciar aos máis pequenos dos danos que provocan as guerras e as súas consecuencias.
Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.