Rexeitada unha moción conservadora sobre o despregamento da banda ancha no rural: “Pedir o que xa está a facer é tan pouco serio que parece unha idea do loro Ravachol”
A Deputación mobiliza outros 2,7 millóns de euros para seguir acelerando a chegada dos fondos europeos á provincia
Unha moción do Partido Popular para que a Deputación financie os xeodestinos turísticos da provincia propiciou un debate no que a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, retratou o caciquismo da Xunta de Galicia no reparto das subvencións destinadas á promoción turística na nosa provincia en relación cos concellos. A moción, pola que o PP reclamaba fondos provinciais para estas figuras, foi rexeitada polos votos dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG por representar “un modelo moi diferente de entender a promoción da provincia líder do turismo de Galicia, haxa Xacobeo ou non”.
Ana Laura Iglesias afirmou que a Deputación de Pontevedra é unha referencia en España polo impulso ao turismo e iso débese a que desprega un modelo compacto e equilibrado de toda a provincia. “Aceptar esta moción sería prexudicar ao turismo e iso é algo que non imos facer”. Explicou que a Deputación actúa nos 61 concellos da provincia e é recoñecida pola dixitalización das 33 oficinas da rede de información “Rías Baixas”; pola transformación total da sede do Palacete das Mendoza, dotando á cidade de Pontevedra dun recurso á altura dos mellores destinos urbanos de España; pola musealización dos castelos de Soutomaior e Sobroso; pola Q de Calidade no Museo de Pontevedra; polos 3,5 millóns de euros de fondos europeos conseguidos para os Plans de Sostibilidade Turística en Destino para fomentar o turismo de interior no Deza-Tabeirós-Terra de Montes e Condado-Paradanta e polo liderado en España nos selos SICTED para acreditar a calidade das empresas do sector. Aludiu tamén ás campañas Segue o Teu Instinto, Fame de Experiencias, Love Rías Baixas e Orixe “que fan que tódolos anos volvamos de FITUR con premios baixo o brazo”. “Pode a Xunta de Galicia ofrecer resultados concretos comparables a estes?”, preguntouse.
A deputada de Turismo contrapuxo esta “folla de servizos” coas subvencións “100% partidistas” que a Axencia Galega de Turismo reparte ao municipalismo da provincia. Así concretou que a recente creación do proxecto “Mar de Santiago”, financiado cun convenio de 128.190 euros, traduciuse nunha redución dos recursos aos outros xeodestinos consolidados da provincia. O Salnés baixou de 100.000 euros a 50.000 euros; Terras de Pontevedra sufriu un recorte de 65.263 euros a 50.000 euros, e Vigo-Baixo Miño viu como as tesoiras reducían a achega autonómica dende os 48.000 euros a 40.000 euros. Só subiron, e con cantidades “ridículas”, Deza-Tabeirós (de 27.000 a 30.000 euros) e Condado-Paradanta (de 39.854 euros a 40.000 euros). Detívose ademais a deputada de Turismo, na decisión de crear un novo destino como “Mar de Santiago”, que leva como apelido a unha cidade doutra provincia e que nin sequera cumpre cos requisitos da Lei de Turismo de Galicia no sentido de que os municipios integrantes deben ter unha continuidade territorial e de identidade común. Ademais, detallou a relación das últimas subvencións repartidas pola Axencia Galega de Turismo entre os concellos para construción de “infraestruturas turísticas”, entre as que citou os 753.117 euros para construír un sendeiro en Mos; 80.118 euros para outro sendeiro en Valga; 130.325 euros para acondicionar a contorna do Centro de Saúde de Arcade; 350.000 euros para restaurar o cine-baile Antón Fraguas de Cerdedo-Cotobade e os 48.391 euros para pequenas obras en tres pontes, tamén en Cerdedo-Cotobade. “Resulta obvio que hai un fío común en todo o que a Xunta de Galicia entende como “investimentos cos concellos” e nada ten que ver coa promoción do turismo; mentres a Deputación desprega as súas políticas turísticas nos 61 concellos da provincia”, recalcou.
A deputada, que agradeceu a moción “porque dá pé a debater publicamente sobre as políticas turísticas na nosa provincia”, concluíu que cómpre chamar á porta da Administración competente para reforzar a financiación dos xeodestinos, que é a Xunta de Galicia, e preguntoulle ao PP “se ten valor para facelo”. Por todo elo cualificou como “unha desfachatez pedirlle á Deputación que financie proxectos que crea a Xunta e que logo infrafinancia”.
Por outra parte, o Pleno rexeitou, tamén cos votos dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG, outra moción do grupo conservador para esixir ao Goberno de España o despregamento da banda ancha de Internet a través de fibra óptica e 5G. O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, afirmou que “pedir ao Goberno o que xa se está a facer é unha idea que podería ter asinado o loro Ravachol. O PP amosa o seu enfado porque se faga o que eles non souberon facer cando gobernaron”. Ademais, recordou que todas estas cuestións, relativas ao plan ÚNICO-Banda Ancha do Goberno de España, foron explicadas durante a xuntanza celebrada o pasado 25 de xaneiro entre a secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González Veracruz, con alcaldes e alcaldesas de toda a provincia na propia Deputación.
Font explicou que o Goberno está a mobilizar 1.000 millóns de euros para garantir o 100% de conectividade antes de 2025 mentres que durante o período Rajoy só se investiron 20 millóns de euros, “un 4.900% menos”. Engadiu que co PP no Goberno as empresas cobraban as subvencións e decidían que vivendas enganchaban, polo que todos os tendidos de fibra facíanse nos centros urbanos, con criterios comerciais. Agora o Goberno remite listaxes de cumprimento obrigado coas referencias catastrais, priorizando o despregue rural e, ademais, informa previamente aos concellos. Explicou que xa hai dúas convocatorias en marcha, a de 2021 e 2022, que conectarán 41.289 vivendas da nosa provincia, o que suporá xa unha conectividade do 95% na nosa provincia. Ademais, na primavera ofrecerase a conexión ultrarrápida por 5G e vía satélite, a un prezo taxado de 35 euros, ás vivendas nas que sexa imposible acceder con fibra óptica. Unha última etapa do despregue que chega acompañada de axudas estatais de ata 600 euros para as vivendas, empresas e mesmo concellos para a instalación de equipos de recepción satélite. Font destacou que, agora si, o avance no despregamento da banda ancha é “exponencial” . Por tanto, recomendou ao PP que “esperte, porque só un grupo político moi durmido pode presentar mocións así”.
Por outra banda, o Pleno aprobou unha modificación de créditos de 2.688.298 euros para dar un novo impulso á continua chegada de fondos europeos á provincia de Pontevedra no marco de programas deseñados dende a Administración que preside Carmela Silva. O acordo, que foi aprobado cos votos favorables do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do PP, incorpora o financiamento para accións xa en marcha e senta as bases doutras novas que se espallarán por toda a provincia.
En primeiro lugar habilítanse créditos extraordinarios por valor de 1.454.164 euros para unha ducia de programas relacionados co comercio, a dixitalización, o medio ambiente, o aforro enerxético e a inserción social en segundo lugar supleméntanse outros 1.393.289 euros para programas medioambientais, transfonteirizos e de compoñente turístico e laboral. A modificación financia o novo programa Da Túa Man Rural que modernizará o comercio de Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures con accións de sinaléctica, embelecemento e promoción dotadas cun orzamento total de 624.965 euros dos que a Deputación recibe un 80% de fondos Next Generation. Tamén se apoia o programa Hub para a Brecha Dixital que se vai desenvolver en Cuntis, Forcarei, Illa de Arousa, Moraña e As Neves para combater a fenda dixital nas persoas maiores e, en especial, entre as mulleres maiores. O Orzamento é de 500.000 euros, cun 62,37% dos Next Generation. Para o segundo programa de Instalacións Térmicas Sostibles da Deputación investiranse outros 410.913,58 euros (cun 85% de financiamento europeo) e con actuacións como os novos sistemas de calefacción na Casa do Concello de A Cañiza e as Casas Modernistas de A Illa de Arousa. A isto cómpre engadir tres programas presentados pola Deputación ás diferentes convocatorias e xa preseleccionados como son a Axenda 2030 Local, a Oficina de Promoción, Asesoramento e Apoio ás Comunidades Enerxéticas e o gran proxecto estratéxico de transformación presentado ao “PERTE” do Ciclo da Auga para concellos de menos de 5.000 habitantes.
Os créditos extraordinarios financiarán tamén con 100.000 euros a musealización da Casa de Combarro que a Deputación vén de ceder ao Concello co obxectivo de poñela en valor reconvertida nun Centro de Promoción Turística e do Patrimonio. Ademais, unha vez que o Concello de A Cañiza conseguiu directamente fondos europeos para cofinanciar as obras da piscina municipal executadas con cargo ao plan ReacPon da Deputación, apróbase reinvestir a parte que o Concello tiña que achegar ao convenio de colaboración nunha obra obra para mellorar os camiños nas parroquias de Petán, Achas, Parada, A Cañiza e Valeixe, “nun novo exemplo multiplicador do efecto combinado das achegas da Deputación e os fondos europeos”, tal e como destacou o deputado de Economía e Facenda, Carlos Font. Noutro eido, a Deputación celebrará un Seminario sobre Economía Azul na transición Ecolóxica e un programa destinado á Inserción Laboral para persoas con discapacidade da man de entidades sen ánimo de lucro. En paralelo, dedícanse 121.250 euros (75% de financiamento europeo) ao programa Capitaliza ESTRAEE para poñer en valor a modernización dos 18 puntos limpos da provincia que xa están adaptados á normativa de recepción e reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos. O programa Vive Rio Minho recibe outros 213.145 euros (75% de financiamento da UE) para reforzar a experiencia piloto do servizo de bicicletas eléctricas transfronteririzas. Supleméntanse tamén partidas para turismo rural e cultural, a Ruta da Sidra, a Exposición da Camelia e o novidoso proxecto Mulleres Extramuros, que aúna arte, igualdade e recuperación das contornas rurais. A festa da Lamprea de Arbo, as feiras de Turismo e o proxecto do Centro de Visitantes do Castelo de Soutomaior dan o compoñente turístico a este expediente que, finalmente, financia tamén a suba de salarios do programa “A Túa Primeira Experiencia Laboral”, que puxo en marcha a Deputación cun modelo de inserción no mercado laboral digno e que supera o anterior modelo de becas precarias.
Durante o debate plenario destacouse que os Next Generation están a financiar outras actuacións impulsadas pola Deputación como a gran reforma da envolvente do colexio de Educación Infantil e Primaria Daría González ou diversas melloras que se van realizar no centro Príncipe Felipe.



