A Deputación celebra o éxito do compromiso adquirido coa inclusión social ao facilitar reservas para menores con dificultades, con boa resposta das familias
A inscrición ao EsquiOU rematou este 27 de decembro, con máis de mil inscritos
O programa EsquiOU, unha iniciativa da Deputación de Ourense para que nenos e nenas da provincia aprendan a esquiar na única estación de montaña de Galicia, Manzaneda, referenda un ano máis o seu éxito con máis dun millar de solicitudes. O total de prazas, que este ano superou por primeira vez a barreira das mil (1.050), cubríndose as quendas en apenas uns días.
O compromiso coa inclusión social, unha das grandes novidades deste ano ao incorporar prazas para menores con discapacidade, tivo unha boa resposta das familias. Dende o pasado 9 de decembre, unha trintena de menores con algunha dificultade se anotaron a este programa no que, ademais de esquiar, tamén terán a oportunidade de realizar diferentes actividades lúdicas e deportivas.
O obxectivo desta novidade é que estes rapaces poidan acceder ao deporte e a diversión sen barreiras de ningún tipo.
A inscrición ao EsquiOU rematou este 27 de decembro, superando as expectativas coa gran demanda das familias, que puideron anotar aos menores nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2016 na provincia de Ourense.
O total de prazas está dividido en 10 quendas de 105 prazas cada unha. De estas, cinco estarán reservadas para menores con algún tipo de discapacidade. Os rapaces, ademais de estar permanentemente supervisados por monitores formados e cualificados no tratamento de nenos con algunha dificultade física ou intelectual, tamén poderán ir acompañados dun pai, nai, titor ou membro do centro educativo.
Unha lista de agarda para outras quendas
Aínda que a gran parte das quendas xa se cubriron, o programa EsquiOU facilita que se algún participante queda sen praza na quenda que lle corresponde, pasa a unha lista de agarda para ser inscrito no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.
Por número de solicitudes, as quendas máis demandadas son as de Ourense, Allariz-Maceda-A Limia e Ribadavia- Carballiño, con preto de 200 inscricións en cada unha delas.
A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, firmaron o 9 de decembro o convenio do programa, que para as familias ten un custe reducido de 30 euros, xa que a Deputación subvenciona a meirande parte, cunha inversión que este ano ascende a 102.000 euros, un 45% máis que na edición pasada.
Tres días en réxime completo
A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores, e inclúe aloxamento, pensión alimenticia completa, curso de esquí e as demais actividades complementarias, como poden ser tiro con arco, sendeirismo ou natación. Ademais, se as condicións meteorolóxicas non foran favorables, substituirase o programa de esquí pola oferta de actividades de montaña, como multiaventura ou rocódromo.
O programa desenvolverase por quendas, nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos. A primeira quenda será do 20 ao 22 de xaneiro de 2025, para os nenos das comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia; do 27 ao 29 de xaneiro será a quenda dos de O Ribeiro e O Carballiño; do 3 de febreiro ao 5 de febreiro, Verín e Viana; do 10 ao 12 de febreiro, Valdeorras; do 17 ao 19 de febreiro, Allariz-Maceda-A Limia; do 24 ao 26 de febreiro, Terra de Caldelas e Terra de Trives; do 3 ao 5 de marzo, Ourense; do 10 ao 12 de marzo, Ourense rural: do 17 ao 19 de marzo, segunda quenda da zona de Ourense e, por último, do 24 ao 26 de marzo, a segunda quenda de Ourense rural.