Usuarios e monitores da Asociación Aixiña realizaron unha visita á exposición “40 anos do Carrabouxo”, situada no primeiro andar do Pazo Provincial. César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, foi o encargado de guiar aos membros da asociación ao longo da mostra organizada polo goberno provincial.
Esta exposición percorre as catro décadas do Carrabouxo a través dunha viñeta seleccionada polo autor por cada un dos anos publicados en La Región (1982-2022), ademais dunha escolma doutros aspectos da produción plástica de Xosé Lois. Dotado cunha excepcional capacidade para analizar a realidade ourensá e galega dende unha óptica propia, o autor mestura o popular cun articulado e reivindicativo discurso sobre o territorio.
A mostra “40 anos do Carrabouxo” estará aberta ao público no primeiro andar do Pazo Provincial ata finais de xaneiro de 09,00 a 14,30 horas e de 17,00 a 19,30 horas de luns a venres.



