HomeO MorrazoCangasUxía Lambona e a Banda Molona chegan este martes ás Festas do...

Uxía Lambona e a Banda Molona chegan este martes ás Festas do Cristo de Cangas da man de Deputación

- Anuncio -spot_img

A actuación enmárcase no programa provincial “Musigal” e terá lugar ás 21:00 horas no recinto das festas, nas naves de Ojea

A banda Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerá este martes 29 de agosto un concerto para a rapazada no marco das Festas do Cristo de Cangas do Morrazo. A actuación inclúese no calendario de concertos financiados no “Musigal”, o programa cultural da Deputación de Pontevedra que busca contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia á vez que se promove a súa normalización e uso entre a cidadanía. O concerto terá lugar ás 21:00 horas no recinto das festas, situado nas naves de Ojea.

Esta banda de música infantil recolle no seu espectáculo ‘Un soño é’ os clásicos populares galegos, aos que dá o seu estilo persoal, pasando por outros moitos temas tradicionais, ou de creación propia, sempre buscando que a cativada sexa partícipe do que denominan un “des-concerto” cheo de bailes, xogos, coreografías e sorpresas.

Uxía Lambona e a Banda Molona comezaron a súa traxectoria no ano 2014. A banda está formada por Uxía (voz e animación), Pali (baixo), Ñoc (batería), Diego (gaita e frauta), Serghaño (guitarra) e Roscón (acordeón). O seu obxectivo en cada concerto é achegar á rapazada a música tradicional galega dun xeito atractivo, cambiando estilos musicais e letras, e tamén temas propios. Ata o momento publicaron tres álbumes: ‘Uxía Lambona e a Banda Lambona’ (2015), ‘A bailar coma tol@s’ (2017) e ‘Astronauta Sideral’ (2019).

Publicacións Relacionadas