Home Deputacións Deputación Pontevedra Victoriano Nodar:" En Santa Clara consérvase máis parte Medieval que en moitos...

Victoriano Nodar:” En Santa Clara consérvase máis parte Medieval que en moitos outros mosteiros e conventos de Galiza”

- Anuncio -

A segunda charla sobre a casa das clarisas amosou a “potencia” das construcións levantadas nos séculos XIV e XV e o interese por mellorar as condicións de vida das monxas no XVIII, no momento da Ilustración

“En Santa Clara consérvase moito do convento medieval. Máis do que pensabamos e iso non é habitual na Galiza”. Esa foi unha das principais conclusións que hoxe expuxo o especialista Victoriano Nodar, responsable da arqueoloxía da arquitectura no estudo feito sobre o convento de Santa Clara, nunha das charlas organizadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para conmemorar o aniversario da súa compra.
O doutor comezou explicando que a arqueoloxía da arquitectura foi a que permitiu ler e analizar nos muros das edificacións de Santa Clara as evolucións das construcións ao longo do tempo, utilizando para iso diferentes formas de datación: os elementos estilísticos, os tipos de construción de muros, o cruce con datos documentais e históricos, e tamén as análises técnicas con termoluminiscencia ou carbono 14, que nestes momentos se están a utilizar nos morteiros dos muros.
Posteriormente, e en base aos achados, Nodar presentou unha hipótese da evolución das diferentes etapas no convento. Segundo dixo, xa dende o primeiro momento, cunha simple ollada, a impresión da equipa investigadora foi que “había un mosteiro cun proxecto ambicioso, moi austero como eran as clarisas e feito con moitas fases, pouco a pouco”. A parte medieval, destacou, é quizais a de maior interese e moi singular porque se dá en poucos lugares: a maior parte dos mosteiros e conventos do país renovaron completamente os seus edificios conventuais nos séculos XVI, XVII e XVIII.
“Temos poucas testemuñas de edificacións medievais de claustro en Galicia. Aquí si temos. Moitas das igrexas que hai no rural galego orixinariamente eran de mosteiros, mais os mosteiros non están porque se desamortizaron ou porque os monxes marcharon, porque estaban feitos de cachotería e ao mellor se arruinaron e so quedou a igrexa, ou non se conservan ou se conservan pouco, ou están moi modificados ou espoliados. Aquí tiñamos un convento bastante potente. Por iso estamos a estudar as subfases dentro do medieval, os séculos XIV e XV”, destacou.
Nodar explicou que na primeira subfase do medievo no convento había un núcleo, no que se dubida de que ata existise a igrexa actual -que se fixo a continuación-, xunto cun primeiro claustro que non é o que se mantén, e outros edificios que se seguiron completando. Do mosteiro medieval púidose recoñecer a zona de refectorio, a porta de arco apuntado -por onde se entra agora como portería- como a sala capitular das monxas, e incluso se identificou algunha capela na mesma panda, probablemente funeraria.
Posteriormente, no XVI o que fixeron as monxas, dixo Nodar, foi un ‘aggiornamento’, un acondicionamento ou actualización porque cambiara o estilo, modificando esteticamente as estancias, pero aproveitando os mesmos pavillóns medievais dándolle un “aire máis moderno”, con fiestras máis anchas, arcos máis grandes e incluso pinturas. No XVII, subliñou, as monxas fixeron algunhas intervencións no conxunto do convento, mais xa hai constancia de que desapareceron parte dos edificios medievais, reparándose o que quedaba.
O XVIII é outro gran momento: constrúese o edificio grande da parte oeste onde están as actuais celas. O investigador subliñou que non se trata dunha ampliación, porque se trata dun proxecto buscado nun momento no que a comunidade non estaba medrando, de feito diminuíra o número de vocacións.
Os motivos da obra foron outros: que se dispoñía dunha economía saneada e que estaban na Ilustración. “O que se busca son novas condicións de habitabilidade e hixiene que antes non eran tan importantes. Non tiran os pavillóns medievais –que ameazaban ruína-, reutilízanos como cortes ou adega, e elas van vivir ao novo edificio, que ten uns bos muros. Todas as celas teñen o seu lavadoiro para asearse, con ventilación cos batentes das ventás para evitar as pandemias…”, dixo Nodar, destacando que estas obras para mellorar as condicións de vida da comunidade volveron sen embargo quedar sen rematar porque ou ben non precisaban máis mellora ou rematou o momento da ‘economía saneada’.
Finalmente, sobre as construcións feitas no século XX destacou que “foron un pouco desastre e agora hai que poñerlle remedio na restauración”.
A semana próxima seguirá o ciclo de charlas en Santa Clara. O 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla a cargo da responsable dos traballos de conservación e restauración, Aldara Rico, que fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.
O xoves 1 de decembro será a quenda para falar dende o punto de vista antropolóxico. Baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, a doutora Olalla López e Clara Veiga falarán sobre as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento.

Relacionadas

A Deputación lidera un grupo de traballo para previr os efectos do cambio climático...

0
O deputado de Innovación e Desenvolvemento Sostible, Jorge Pumar, está a participar na reunión de lanzamento do proxecto ThermEcoWat que se celebra estes días...

O Marcos Valcárcel acollerá o 2 de abril o remate do curso 23-24 do...

0
O acto incluirá un concerto didáctico e unha Máster Class do artista armenio Hovhannes Karakhanyan, especialista na frauta coñecida como “Duduk”, instrumento con máis...

A Deputación inicia a incoación do expediente de honra a favor da doutora ourensá...

0
Marisa Crespo-Leiro (Cea, 1961), é un referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de...

O Concello lanza un novo sorteo de 100 tarxetas regalo de 50 euros por...

0
A campaña arrancará desenvolverase entre o 1 e o 30 de abril. Pódese participar a partir de 30 euros de compra, depositando os tickets...

Cinco estreas na XIV Semana de Teatro Amador

0
O Teatro Municipal acollerá do luns 1 ao venres 5 as novas montaxes dos grupos de teatro CAI, Chirlomirlo, Aloia, San Fins, e A...

59 días para a marcha cicloturista Sestelo-Clásica Álvaro Pino

0
O alcalde de Covelo e a organización da marcha reúnense para ultimar os preparativos A 59 días da celebración deste evento que recorre o Condado,...

Publicacións Relacionadas