HomeDeputaciónsDeputación OurenseXosé González Martínez “Pepe de Redondela”, Festival Hércules Brass de Celanova e...

Xosé González Martínez “Pepe de Redondela”, Festival Hércules Brass de Celanova e o Festival Internacional de Curtametraxes e Arte de Entrimo, premio Rodolfo Prada á xestión cultural

- Anuncio -spot_img

A Deputación  de Ourense entregou hoxe, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, os premios da VIII edición deste certame dotado con 10.000 euros, que tamén inclúe un galardón de 1.000 euros para proxectos de cada unha das catro provincias galegas

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou hoxe a traxectoria deste premio, instaurado pola institución provincial, para destacar a figura do “insigne intelectual ourensán”

A Deputación de Ourense vén de facer entrega, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” dos galardóns da VIII edición do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural correspondentes a este 2025 cunha dotación económica total de 10.000 euros para cada unha das categorías distinguidas.

No acto participaron o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e o director da Área de Cultura e Deportes da Deputación, Marcos Vázquez.

César Fernández destacou hoxe a traxectoria deste premio, instaurado pola institución provincial, para destacar a figura do “insigne intelectual ourensán” recoñecendo o labor dos xestores culturais en Galicia ou fóra, pero con claras referencias á cultura galega.

O primeiro premio desta VIII edición, dotado con 3.000 euros, recaeu en Xosé González Martínez por “Pepe de Redondela” pola súa traxectoria exemplar dinamizando a vida cultural e social de Galicia, Galeguizar Galiza. O seu compromiso coa recuperación das tradicións populares, a creación de espazos de encontro e a promoción dunha cultura participativa converten o seu labor nun referente indispensable en Ourense.

O segundo premio foi para o Festival Hércules Brass de Celanova, cunha dotación económica de 2.000 euros, pola súa capacidade para achegar a música de vento metal a novos públicos, dinamizar o tecido cultural da comarca e converter Celanova nun punto de referencia musical.

En terceiro lugar, cun premio de 1.000 euros, foi para o Festival Internacional de Curtametraxes e Arte (FICAR) que se organiza en Entrimo, pola súa aposta decidida pola creación audiovisual, a visibilización de novos talentos e a proxección cultural da raia.

Premios por cada unha das catro provincias galegas

Ademais dos premios outorgados ao amparo destas tres categorías, o certame tamén entrega un premio de 1.000 euros por cada unha das catro provincias galegas. Pola provincia da Coruña, o xurado acordou conceder o premio ao proxecto “Viñetas desde o Atlántico”, da Concellería de Cultura de A Coruña, pola súa longa traxectoria na difusión da banda deseñada, a capacidade para achegar ao público creadoras e creadores de proxección internacional e o seu impacto na dinamización cultural.

Pola provincia de Lugo, o premio foi para o Museo de maquinaria, polo proxecto “MUVICLA – Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria”, que destaca polo seu labor de preservación do patrimonio agrario, a recuperación da memoria rural e a creación dun espazo divulgativo vivo e participativo.

En Ourense, a distinción foi para a “Casa do Chocolate de Teimende”, pola súa singular aposta pola recuperación dun saber tradicional e pola creación dun proxecto cultural que pon en valor a identidade local.

Por último, o galardón destinado a Pontevedra recaeu no proxecto “Desfoga”, de Begoña Cuquejo e Matías Daporta, pola súa capacidade para combinar creación contemporánea, participación comunitaria e posta en valor do territorio.

Xurado

O xurado do certame estivo integrado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández -que actuou como presidente-, por Anxo Lorenzo, en representación da Consellería de Cultura da Xunta; por Francisco Javier Álvarez, Antonio Piñeiro, Francisco González, José Manuel Freiría, Eva Torres -todos eles en representación da Deputación; Francisco González, en representación da Asociación Cultural Rodolfo Prada; e o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez -que actuou como secretario con voz pero sen voto.

Publicacións Relacionadas