O Castelo de Ribadavia acolle a gala de clausura das Xornadas de Folclore despois de dez días de percorrido pola provincia
As actuacións das seis agrupacións folclóricas foron moi aplaudidas nas 16 vilas que formaron parte da súa xira
Os compoñentes dos grupos de Panamá, México, Colombia, Senegal, Taiwán e Serbia destacaron a “boa acollida” dos ourensáns
Mañá os participantes desta edición XXXIX das Xornadas de Folclore deixarán a provincia para seguir cos seus compromisos
Ourense, 21 de agosto de 2024.
O Castelo de Ribadavia, patrimonio artístico único, será esta noite o escenario perfecto para despedir a música, cor, cantos e danzas das seis culturas diferentes, procedentes de catro continentes, que encheron as noites ourensás dunha riqueza excepcional durante dez días. A cita será as 23, 00 horas.
O Festival de peche desta edición de 2024 comezará, neste espectáculo conxunto, coa actuación do grupo de Panamá, seguido de Senegal, Colombia, Taiwán, México e Serbia. Máis dunha hora de actuacións para despedirse de Ourense nun marco excepcional no que se une patrimonio cultural material e inmaterial.
Durante dez días as agrupacións folclóricas de Panamá, México, Colombia, Senegal, Taiwán e Serbia, participantes nesta XXXIX edición, entusiasmaron ao público cos seus vistosos espectáculos. Bande, A Rúa, Celanova, O Barco, Manzaneda, O Carballiño, Trives, Allariz, Maceda, Viana do Bolo, Entrimo, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Verín e Ourense, xunto con Ribadavia esta noite, foron anfitrións perfectos para o folclore do mundo.
Este evento cultural, moi esperado polo público neste mes de agosto, está organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións
Os responsables de invadir as rúas e prazas da provincia de historias recuperadas do folclore e da maxia do baile dende todo o mundo foron este ano O Ballet Jammu de Senegal, o grupo de Panamá, Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas, o Yuan Yuan Dance Group de Taiwán, os mexicanos de Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, os serbios de Kud Srem e os compoñentes do grupo colombiano da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa.
Todas as persoas que conforman o elenco artístico manifestaron a súa “gratitude” ao público ourensán “pola excelente acollida” en cada unha das vilas, onde os longos aplausos foron o mellor agasallo recibido, e a organización “polo bo trato e a atención continuada”.
Mañá, 22 de agosto: Partida
Partida dos grupos participantes nestas Xornadas de Folclore.