HomeLugoA UlloaA alcaldesa de Antas de Ulla acusa ao portavoz provincial do PP...

A alcaldesa de Antas de Ulla acusa ao portavoz provincial do PP de “mentir e manipular” para retorcer a realidade

- Anuncio -spot_img

Pilar García Porto desminte as acusacións de Antonio Ameijide e aclara que acudiu á presentación da Volta a España Feminina unicamente como alcaldesa do municipio que acollerá a meta dunha das etapas

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, respondeu ás declaracións realizadas polo portavoz provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, nas que cuestionaba a súa presenza na presentación da Volta a España Feminina celebrada en Ribeira. A rexedora considera que as afirmacións do popular responden a “un intento de manipulación e de xerar unha polémica inexistente”.

García Porto explicou que a súa asistencia ao acto produciuse exclusivamente en representación do Concello de Antas de Ulla, municipio que será meta dunha das etapas da Volta a España feminina. “Estiven presente como alcaldesa dun concello que vai acoller o final dunha etapa da carreira, algo que é motivo de orgullo e unha gran oportunidade para promocionar Antas de Ulla”, sinalou.

A alcaldesa considera que as declaracións de Ameijide só poden responder a dúas posibilidades: “Ou ben descoñece como funcionan as representacións institucionais nun acto deste tipo, ou ben sabe perfectamente que o que di non é certo e intenta crear unha polémica artificial”.

Neste sentido, García Porto lamenta que o portavoz do PP “intente facer crer á veciñanza algo que non sucedeu”, insinuando unha suposta situación institucional que non ten nada que ver coa realidade do acto.

Desde o Concello lembran que a presenza da alcaldesa estaba plenamente xustificada pola condición de Antas de Ulla como final de etapa, motivo polo que participou no acto como representante do municipio e non en calidade de cargo provincial. Nota de Prensa

Para a rexedora, o máis preocupante é que o Partido Popular “prefira centrarse en crear polémicas políticas antes que apoiar un evento deportivo de primeiro nivel que vai situar a Antas de Ulla e á provincia no mapa”.
“Este tipo de actitudes demostran que algúns están máis preocupados por buscar titulares que por traballar en positivo pola nosa terra”, concluíu Pilar García Porto.

Desde o Concello de Antas de Ulla insisten en que seguirán traballando para aproveitar ao máximo a chegada da Volta a España Feminina ao municipio, un acontecemento que suporá unha importante promoción deportiva, turística e económica para toda a zona

Publicacións Relacionadas