HomeLugoA UlloaA alcaldesa de Antas de Ulla denuncia o silencio da Xunta ante...

A alcaldesa de Antas de Ulla denuncia o silencio da Xunta ante un proxecto esencial para o municipio

- Anuncio -spot_img

•A residencia de maiores, practicamente rematada, segue sen data de apertura mentres a Consellería de Política Social e Igualdade ignora reiteradas solicitudes de reunión.

Desde o Concello de Antas de Ulla facemos público que a alcaldesa, Pilar García Porto, leva máis de nove meses solicitando formalmente unha reunión coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para tratar unha cuestión de máxima importancia: a posta en funcionamento da nova residencia de maiores, unha infraestrutura esencial para o benestar das persoas maiores do noso municipio.

Desde xaneiro, a alcaldesa presentou unha solicitude formal de reunión para “acercar posicións e artellar un diálogo construtivo” entre o Concello e a Xunta, relativa a aspectos técnicos, de funcionamento e coordinación da nova residencia.

Ao non recibir citación, o Concello reiterou esa petición en febreiro e noutras catro ocasións en meses sucesivos, sen que até hoxe se coñezca data de reunión algunha. A única resposta recibida pola Consellería foi que “xa avisarían”, algo que lamentablemente segue sen materializarse.

A nova residencia, construída sobre o antigo edificio dos apartamentos tutelados, conta cun investimento de máis de 3,2 millóns de euros, financiado con fondos europeos NextGenerationEU, e foi deseñada para ofrecer un servizo público de 56 prazas residenciais, o que suporía un importante avance social para o municipio e a súa contorna.

Non podemos esquecer que Antas de Ulla conta con dúas “Casas do Maior”, con só 10 prazas de uso diúrno, claramente insuficientes para as verdadeiras necesidades residenciais da poboación de 60 ou máis anos.

Ademais, cómpre lembrar que dez persoas residentes na antiga residencia de Antas foron trasladadas a un piso tutelado en Monterroso o 21 de novembro de 2022, hai xa case tres longos anos.
Na actualidade, só quedan nove residentes dos dez iniciais, e moitos deles non volveron saír dese piso dende que foron alí destinados. Por iso, reclamamos un trato digno para estas persoas, así como a súa volta a Antas de Ulla, a un fogar coas condicións necesarias para o seu benestar, coidados e saúde emocional, e tamén para garantir o benestar laboral do persoal que os atende.

É inadmisible que un proxecto de tanta transcendencia para o noso pobo — e que conta con financiamento europeo e apoio institucional— quede bloqueado pola falta de diálogo e resposta efectiva da Xunta. As persoas maiores de Antas merecen atención, respecto e compromiso, e non máis atrasos nin evasivas.

Por todo isto:

Reiteramos, onte mesmo, unha vez máis, a petición de inmediata convocatoria dunha reunión entre a alcaldesa e os responsables da Consellería de Política Social e Igualdade, para abordar todos os aspectos pendentes e fixar prazos reais.

Instamos á Xunta de Galicia a actuar con responsabilidade e respecto cara á veciñanza de Antas de Ulla, que leva demasiado tempo agardando por unha resposta.

Solicitamos aos medios de comunicación que difundan esta situación, coa esperanza de que a través deles a Consellería escoite, responda e, finalmente, actúe.

A alcaldesa mantén unha actitude de colaboración, diálogo e respecto institucional, pero tamén a firme determinación de defender os intereses da súa veciñanza.

Antas de Ulla non pide privilexios, pide xustiza, sensibilidade e un trato digno para as súas persoas maiores.
A cidadanía leva demasiado tempo agardando, e este silencio da Xunta é xa insostible.

Publicacións Relacionadas