– Inviste preto de 50.000€ en mellorar o tramo que vai do límite co municipio meirego ata San Miguel, na parroquia de Fonmiñá. Os traballos consisten na reapertura de cunetas, pavimentación do firme con aglomerado en quente e repintado da vía
A Deputación de Lugo vén de iniciar o estendido do aglomerado en quente na estrada provincial LU-P-3006, que comunica os municipios da Pastoriza e Meira por Fonmiñá. Os traballos desenvolveranse nun tramo de máis de 800 metros, entre o límite co concello meirego e o lugar de San Miguel, na parroquia de Fonmiñá, co obxectivo de reforzar a seguridade e a comodidade da circulación.
Trátase dunha estrada moi importante para a veciñanza de ambos municipios, porque conecta a N-640 – á altura da Pena- e a LU-122, unha estrada fundamental para a conexión da Chaira coa Mariña. Ademais dá servizo a explotacións gandeiras, conecta directamente co polígono industrial de Meira, no que se atopan establecementos hostaleiros e diferentes negocios, e dá acceso ao centro de saúde de Meira.
Os traballos inclúen a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. A actuación afecta ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1,120 e 1,935. A empresa Cholo SL é a encargada da súa execución, cun prazo previsto de mes e medio e un investimento de preto de 50.000€.

