— O contrato terá unha vixencia de tres anos e firma adxudicataria encargarase tanto da operación, mantemento e limpeza das instalacións como da distribución e venda do produto obtido, con aplicación no sector da agricultura e xardinería
— Sogama saca a concurso tamén o servizo de control de pesada e mantemento de básculas nas instalacións de Cerceda por un período de catro anos e un importe de máis de 2,2 millóns de euros
— As empresas interesadas nestas dúas licitacións poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 1 de abril
A Xunta, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), licitou por un importe de preto de 3,7 millóns de euros a xestión integral das plantas de biorresiduos -encargadas de tratar e transformar en compost a materia recollida de forma diferenciada a través dos contedores marróns- que a empresa pública ten en Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra).
O contrato, que terá unha vixencia de tres anos e para o que as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro 1 de abril, inclúe os labores de operación, mantemento e limpeza das instalacións así como a distribución e comercialización do abono obtido, con posteriores aplicacións no sector da agricultura e da xardinería.
As tres plantas desenvolven as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos, desde o pretratamento e a fermentación ata a maduración e o almacenamento pasando polos correspondentes tratamentos de aire e de augas. Ademais fano en todo momento empregando as últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de olores e ruído, o que garante que se trata dunha actividade industrial respectuosa co medio ambiente e co benestar da cidadanía.
Na mesma liña, parte das instalacións son autosuficientes desde o punto de vista enerxético pois contan con paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
Estas tres plantas públicas de xestión de biorresiduos puxéronse en marcha co obxectivo de axudar aos concellos -que son os que ostentan as competencias en materia de residuos de orixe doméstica- a cumprir coa lexislación vixente. O Executivo galego destinou tanto a estas infraestruturas como ás 13 plantas de transferencia que lles serven de apoio un investimento total de 45 millóns de euros.
Control de básculas
Sogama tamén licitou un contrato para a prestación do servizo de control de pesada e mantemento de básculas do complexo medioambiental de Cerdeda (A Coruña), esencial para rexistrar as cantidades de residuos que entran nas instalacións e a procedencia dos mesmos, así como dos materiais que saen con destino ás entidades de reciclaxe.
A prestación do servizo será por un período de catro anos por importe de algo máis de 2,2 millóns de euros e, ao igual que no caso das plantas de biorresiduos, as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 1 de abril.



