A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, visitou este venres o Museo Provincial de Lugo no marco da rolda de encontros que está a manter cos diferentes servizos da institución, co obxectivo de coñecer de primeira man o seu funcionamento, os proxectos en marcha e as súas principais necesidades.
Acompañada pola Deputada de Cultura, Iria Castro, a mandataria percorreu as distintas salas expositivas e dependencias técnicas do centro, onde puxo en valor o papel que desempeña como referente cultural e patrimonial da provincia. Durante a visita, interesouse polas coleccións permanentes e temporais, así como polas iniciativas educativas, os programas de dinamización cultural e os traballos de conservación e investigación que se desenvolven desde a Rede Museística Provincial de Lugo.
Carmela López destacou a importancia do Museo Provincial como espazo aberto á cidadanía, clave para a difusión do patrimonio histórico e artístico lucense e para o fortalecemento da identidade cultural da provincia.



