― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as melloras levadas a cabo na casa consistorial ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, cunha axuda de máis de 48.000 euros
― O concello recibiu nos últimos anos preto de 578.000 euros de axudas da Vicepresidencia primeira para melloras como a recuperación medioambiental do contorno de acceso ao hotel Pazo de Sober, melloras na rede de abastecemento de auga, construción de parques infantís e áreas biosaudables
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a casa consistorial de Sober, onde se levaron a cabo diversas melloras grazas ás axudas da Orde de Infraestruturas de uso público. A través desta liña de axudas coa que o Goberno galego apoia aos concellos galegos na creación e mellora das súas infraestruturas destinadas a servizos municipais, o municipio de Sober recibiu máis de 48.000 euros para levar a cabo as actuacións na casa do concello.
Segundo explicou a directora xeral , leváronse a cabo melloras de eficiencia enerxética e reformas na planta baixa para acoller o arquivo municipal, actuacións no xulgado de paz e a instalación dun ascensor para poder acceder ás oficinas e ao salón de plenos, ofrecendo así unha mellora na calidade da prestación dos servizos públicos, cun acceso adecuado a persoas con minusvalías ou incapacitadas que empreguen cadeiras de rodas.
Trátase dunha das actuacións financiadas pola Xunta en Sober o ano pasado, xunto con outros proxectos apoiados no marco do Fondo de Compensación Ambiental como a posta en valor e recuperación medioambiental do contorno de acceso ao hotel Pazo de Sober, melloras na rede de abastecemento de auga e colocación dun sistema de control de cloro no depósito da auga mediante un kit solar fotovoltaico no lugar de Sistín do Mato, así como a recuperación das fontes e lavadoiros de Casaniño (Brosmos), Vilamea (Bulso) e Vilariño (Pinol) e construción de parques infantís e áreas biosaudables
Durante a súa visita, Natalia Prieto, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, xa que os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns. Ademais, son a administración máis próxima á cidadanía e, por tanto, a que mellor coñece as necesidades dos seus veciños.
O concello de Sober recibiu nos últimos anos máis de 578.000 euros das distintas liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira, entre elas a Orde de Infraestruturas de uso público que permite poñer en marcha ou ampliar e reformar instalacións destinadas á prestación de servizos municipais, así como a dotación do seu equipamento. Na convocatoria deste ano a Xunta mantén o orzamento de 4 millóns de euros desta orde dirixida aos municipios galegos, despois de incrementar a contía en 2020 nun millón de euros respecto a 2019.