― Sogama xa é propietaria das cinco parcelas do parque empresarial que suman unha superficie total de 8.000 m2
― A instalación estará dotada coas tecnoloxías máis innovadoras, a fin de que acade a maior eficiencia co menor impacto ambiental
― Terá unha capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de refugallos orgánicos e 1.600 de material estruturante, e producirá 1.500 toneladas de compost ao ano
― Dará servizo a 15 municipios, que aglutinan unha poboación de 70.000 habitantes
A Xunta de Galicia formalizou a compravenda dos terreos nos que se levantará a futura planta de biorresiduos de Cervo, por un importe de algo máis de 238.000 euros, despois de aplicárselle unha bonificación do 50%, como en todos os parques empresariais da provincia de Lugo.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, asinaron esta mañá en Santiago de Compostela a compravenda, un acto no que tamén estivo presente o alcalde da localidade, Alfonso Villares.
Deste xeito, Sogama xa é a titular das cinco parcelas do parque empresarial de Cervo, que ocupan unha superficie de case 8.000 metros cadrados, dos cales 3.500 destinaranse a acoller unha nave pechada na que se desenvolverá o proceso de compostaxe, contemplando todas as fases polas que transcorre a xestión da materia orgánica, isto é, pretratamento, fermentación, maduración e almacenamentos.
A instalación estará dotada coas tecnoloxías máis innovadoras a fin de que acade a maior eficiencia e contará cos mecanismos necesarios para minimizar o impacto sobre a contorna. É o caso de potentes sistemas de depuración de augas, cheiros e control de ruídos, alimentándose con enerxía renovable a través de paneis solares.
Terá unha capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de refugallos orgánicos de carácter doméstico e outras 1.600 toneladas de material estruturante. A previsión é que esta infraestrutura produza cada ano 1.500 toneladas de compost de alta calidade para ser empregado como abono natural, na agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Na actualidade, Sogama está a redactar os pregos para a licitación da construción da planta, pendente igualmente da licenza urbanística do Concello. O investimento total na posta en marcha desta instalación ascende a 5 millóns de euros.
A planta de Cervo dará servizo a 15 municipios, pertencentes na súa meirande parte á comarca da Mariña lucense, cubrindo unha poboación de 70.000 habitantes, e integrarase na rede de infraestruturas despregada pola Xunta para propiciar que os concellos galegos poidan acceder á valorización da materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón, que deberán implantar antes do 31 de decembro de 2023.
Infraestrutura modélica
Se ben a xestión do lixo constitúe unha competencia municipal, a Xunta quere axudar aos entes locais a que cumpran coas súas obrigas legais, polo que esta planta de biorresiduos, xunto con outras tres destas características (Cerceda, Vilanova de Arousa e Verín) e co apoio de 13 plantas de transferencia que Sogama adaptará mediante a habilitación nas mesmas dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica, fará posible que a gran maioría dos galegos dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Esta infraestrutura de Cervo, que entrará en operación a finais do ano 2022, axudará a facer de Galicia unha comunidade sostible na que os residuos son transformados en recursos conforme aos preceptos da economía circular.