•O Concello concede en só 24 horas a licenza de actividade da nova residencia tras tres anos de espera para as familias do municipio
O Concello de Antas de Ulla confirma que a nova residencia de maiores do municipio entra xa na recta final para a súa apertura, poñendo fin a máis de tres anos de espera para as persoas maiores e as súas familias.
Na última hora da mañá do mércores día 4 de marzo, o Concello recibiu a solicitude da Xunta de Galicia para a concesión da licenza de actividade necesaria para iniciar o funcionamento das novas instalacións. Solicitada a documentación que faltaba e unha vez que a Xunta presentou todos os documentos necesarios, desde o goberno municipal activouse de inmediato a tramitación do expediente, concedéndose a licenza en apenas 24 horas.
Desde o Concello explican que esta rapidez responde a un único obxectivo: facilitar canto antes o regreso das persoas maiores de Antas de Ulla ao seu municipio.
Co inicio das obras da nova residencia, as persoas usuarias tiveron que ser trasladadas provisionalmente a un piso en Monterroso e tamén a outras residencias da contorna. O que nun principio estaba previsto como unha solución temporal acabou converténdose nunha situación prolongada durante tres anos, nos que moitas persoas maiores tiveron que vivir afastadas do seu entorno habitual.
Por ese motivo, desde o momento no que chegou a solicitude da licenza, todo o equipo do Concello centrou os seus esforzos en tramitar o expediente coa máxima prioridade, para que as novas instalacións poidan comezar a funcionar canto antes.
A nova residencia supón unha infraestrutura moi necesaria para Antas de Ulla, un concello cunha poboación cada vez máis envellecida que precisa servizos de proximidade para garantir o coidado e o benestar das persoas maiores.
Ademais, o centro está situado nun entorno natural e tranquilo, afastado do ruído das cidades, un lugar pensado para ofrecer calidade de vida, atención e dignidade ás persoas maiores do municipio.
Desde o Concello tamén quixeron agradecer a paciencia dos usuarios, das familias, das coidadoras e da veciñanza durante estes anos de espera, así como o traballo das persoas que, desde diferentes ámbitos, contribuíron a que este proxecto siga avanzando.
Ao mesmo tempo, desde o goberno municipal recoñecen que durante estes tres anos botouse en falta un canal de diálogo máis fluído coa Xunta de Galicia, xa que desde o Concello se solicitaron en varias ocasións reunións para abordar a situación da residencia sen obter resposta.
En todo caso, o Concello de Antas de Ulla subliña que as portas da institución municipal estarán sempre abertas á colaboración e ao diálogo institucional, especialmente cando se trata de iniciativas que teñen como obxectivo mellorar a vida da veciñanza.
Agora, coa licenza de actividade xa concedida, Antas de Ulla dá un paso decisivo para recuperar un servizo fundamental para o municipio e para que as súas persoas maiores poidan volver estar preto das súas familias, da súa terra e da súa comunidade.
Un.proxecto que empezou fai xa 30 anos vese completo no seu conxunto.



