A alcaldesa manterá reunións en distintas parroquias e no casco urbano para explicar o contido do documento, resolver dúbidas e acompañar á veciñanza na presentación de alegacións e consultas
O Concello de Antas de Ulla vén de poñer en marcha un proceso de información e acompañamento á veciñanza en relación co Plan Básico que está a tramitar a Xunta de Galicia para o municipio, un documento de grande relevancia para o presente e o futuro do concello, ao afectar á ordenación urbanística e ao desenvolvemento do territorio.
Co obxectivo de que este procedemento sexa claro, transparente, participativo e próximo, a alcaldesa manterá unha serie de reunións informativas en diferentes puntos do municipio, nas que se explicará de maneira sinxela en que consiste o Plan, como pode influír en parcelas e vivendas, e que pasos poden darse para presentar alegacións, reclamacións ou consultas.
Dende o goberno local sublíñase a importancia de que a veciñanza poida coñecer de primeira man os detalles deste proceso e expresar as súas inquedanzas, nun asunto que terá incidencia directa no futuro urbanístico de Antas de Ulla. O Concello insiste en que a participación cidadá será fundamental para construír entre todas e todos un municipio con máis información, máis diálogo e máis consenso.
As reunións informativas celebraranse o 22 de marzo en Antas de Ulla, o 27 de marzo en Olveda, o 28 de marzo en Santa Mariña e en Areas, o 29 de marzo en Dorra e o 5 de abril en Casa de Naia e novamente en Antas de Ulla. Ademais, as persoas que precisen unha atención máis individualizada poderán dirixirse á oficina municipal en horario de mañá, recomendándose solicitar cita previa para unha mellor organización. Nota de Prensa
Dende a Alcaldía faise un chamamento á participación da cidadanía nestes encontros, entendéndoos como unha oportunidade para informarse, resolver dúbidas e formar parte activa dun proceso clave para o desenvolvemento do concello.



