Un avance impulsado polo novo goberno municipal coa alcaldesa á cabeza para dotar ao concello dun marco urbanístico moderno, estable e con seguridade xurídica
Antas de Ulla inicia unha nova etapa na súa planificación urbanística coa aprobación inicial do seu Plan Básico Municipal (PBM), un instrumento promovido pola Xunta de Galicia que permitirá ao municipio contar cun marco actualizado, claro e adaptado á realidade actual.
Este paso supón un fito histórico para o concello, que ata o de agora viña rexéndose por un planeamento urbanístico datado da década de 1970, claramente desfasado e insuficiente para responder ás necesidades actuais do territorio.
A tramitación e impulso deste Plan Básico Municipal constitúen un dos avances estratéxicos do novo goberno municipal, coa alcaldesa á cabeza, que desde o inicio do mandato situou a ordenación do territorio como unha prioridade clave para o futuro de Antas de Ulla. O obxectivo: deixar atrás décadas de parálise urbanística e dotar ao municipio dunha ferramenta eficaz, clara e útil para a veciñanza.
Un instrumento eficaz para ordenar o territorio
O Plan Básico Municipal, regulado pola Lei do Solo de Galicia, está pensado para concellos que non dispoñen de Plan Xeral adaptado á normativa vixente. No caso de Antas de Ulla, permitirá establecer unha ordenación clara e homoxénea do solo, Nota de Prensa evitando situacións de provisionalidade urbanística e proporcionando estabilidade normativa.
O documento aprobado inicialmente:
- Clasifica un ámbito de solo urbano consolidado.
- Ordena 93 núcleos rurais distribuídos en 28 parroquias (58 tradicionais e 35 mixtos).
- Establece condicións claras para construír, rehabilitar ou ampliar vivendas.
- Facilita a actividade económica e residencial.
- Reduce a incerteza administrativa e permitirá axilizar a tramitación de licenzas.
- Contribúe á fixación de poboación no rural mediante un marco normativo estable.
Este instrumento permitirá ao municipio ofrecer maior capacidade de acollida residencial e económica, favorecendo un desenvolvemento sostible e adaptado á súa realidade demográfica.
Protección do patrimonio e desenvolvemento equilibrado
O Plan incorpora un amplo Catálogo con 275 elementos do patrimonio cultural do municipio, entre eles:
45 Bens de Interese Cultural (33 arqueolóxicos —petróglifos—, 5 arquitectónicos e 7 etnolóxicos).
230 bens catalogados de carácter arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico.
Esta protección garante que o crecemento urbanístico se realice de maneira equilibrada e respectuosa coa identidade histórica, cultural e paisaxística de Antas de Ulla.
Ademais, o PBM declara subsistente o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a creación do Parque Central–Centro Xeográfico de Galicia, aprobado en 2023, asegurando coherencia coa planificación xa existente.
Próximos pasos
Tras a aprobación inicial, o documento someterase agora a información pública durante dous meses, período no que a cidadanía poderá consultalo e presentar alegacións.
Paralelamente solicitaranse os informes sectoriais preceptivos antes da súa aprobación definitiva.
Unha vez aprobado definitivamente e publicado no Diario Oficial de Galicia, o Plan Básico Municipal entrará en vigor e converterase no instrumento de referencia para a concesión de licenzas urbanísticas no municipio.
Un antes e un despois para Antas de Ulla
Con este avance, impulsado polo novo goberno municipal coa alcaldesa á fronte, Antas de Ulla deixa atrás máis de medio século cun planeamento obsoleto e dá un paso decisivo cara a un modelo de crecemento ordenado, responsable e sostible.
O Plan Básico Municipal consolídase así como unha ferramenta clave para garantir seguridade xurídica, facilitar a rehabilitación e construción nos núcleos rurais, impulsar a actividade económica e asegurar un futuro con planificación, estabilidade e oportunidades para o conxunto da veciñanza



