A programación combinará cultura, música, tradición, degustación gratuíta de produtos locais e servizo de autobuses gratuítos de ida e volta para facilitar a asistencia a unha xornada histórica para o municipio.
O Concello de Antas de Ulla convida a toda a veciñanza e visitantes a participar este domingo 28 de xuño, a partir das 18:00 horas, na inauguración oficial do Parque Central do Centro Xeográfico de Galicia, un novo espazo pensado para o encontro, a cultura e o lecer que nace coa vocación de converterse nun referente para todo o territorio.
O acto desenvolverase en Nugallás (Santiz de Amarante) e contará cunha completa programación institucional, cultural e gastronómica deseñada para que persoas de todas as idades poidan desfrutar dunha tarde única.
A recepción das autoridades dará comezo ás 18:30 horas, seguida do corte da cinta inaugural, o descubrimento da placa conmemorativa e as intervencións institucionais. A continuación arrancará a programación cultural coa actuación da Coral Polifónica Sons do Farelo, a Asociación Cultural Fiadeira, a Escola Banda de Música de Antas de Ulla e, como broche final, o concerto do recoñecido grupo Treixadura.
Un dos grandes atractivos da xornada será a degustación gratuíta de petiscos elaborados con produtos gastronómicos de proximidade, unha iniciativa coa que se pretende poñer en valor a riqueza agroalimentaria do territorio e ofrecer unha experiencia completa ás persoas asistentes.
Co obxectivo de facilitar a participación da cidadanía, o Concello habilitará tamén un servizo gratuíto de autobuses de ida e volta, con saída ás 18:00 horas desde a Praza do Concello e regreso ao remate da programación, ás 22:30 horas, desde o Parque Central.
Desde o Concello de Antas de Ulla anímase á veciñanza a fornmar parte deste momento histórico para o municipio, unha inauguración que simboliza a aposta polo desenvolvemento do territorio, a dinamización cultural e a creación de novos espazos de convivencia ao servizo da cidadanía.
A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo. O Concello invita a todas as familias, veciños, veciñas e visitantes a vivir esta xornada festiva e descubrir un novo espazo que aspira a converterse nun punto de encontro para toda Galicia.

