Antas de Ulla medra máis de 3,1 millóns de euros de orzamento, máis investimentos e sen subir impostos

Redacción
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O Goberno municipal incrementa o orzamento nun 13,37 %, garante todos os servizos públicos, impulsa novas obras e continúa pagando as facturas pendentes herdadas do anterior executivo.

O Concello de Antas de Ulla aprobou inicialmente, no pleno celebrado na xornada de hoxe, os orzamentos municipais para 2027, cos votos a favor do equipo de goberno e en contra da oposición.

As novas contas ascenden a 3.189.591,22 euros, máis de 376.000 euros por riba do orzamento inicial de 2026. Un incremento que responde á boa xestión dos recursos municipais, á captación de subvencións e ao financiamento doutras administracións, sen necesidade de incrementar os impostos á veciñanza.

En que se traducen estes orzamentos?

Máis de 1,9 millóns de euros destinados ao persoal municipal, garantindo as actualizacións salariais establecidas pola normativa e a continuidade dos servizos públicos.

O mantemento e a mellora de todos os servizos municipais, sen renunciar ás prestacións que actualmente recibe a veciñanza.

Máis de 326.000 euros en investimentos, cun incremento superior ao 53 % respecto ao orzamento inicial de 2026.

Novos equipamentos municipais, como a pantalla que se instalará na Casa da Cultura.

A continuidade das obras en marcha e a planificación de novas actuacións ao longo de 2027.

Ademais, por cuarto ano consecutivo, o actual Goberno municipal aproba inicialmente os orzamentos antes do inicio do novo exercicio, apostando pola planificación e a estabilidade económica.

💶 SEGUIMOS PAGANDO AS DÉBEDAS HERDADAS

Na sesión plenaria tamén se aprobaron diversas modificacións de crédito e un recoñecemento extraxudicial de créditos que permitirá aboar facturas pendentes de pagamento, algunhas delas correspondentes ao ano 2023, da etapa do anterior goberno municipal.

Cómpre lembrar que o pasado mes de maio xa se informou do pagamento de máis de 400.000 euros, conseguindo reducir en máis dun 60 % a débeda derivada de facturas e pagamentos pendentes.

O actual Goberno municipal continúa facendo fronte a estas obrigas económicas ao tempo que mantén os servizos, executa obras, consegue novos recursos e promove novos proxectos para Antas de Ulla.

Máis recursos, máis investimentos, mellores servizos e menos débedas, sen subir os impostos.

Seguimos traballando con responsabilidade, rigor e compromiso para construír unha Antas de Ulla con máis oportunidades e unha mellor calidade de vida para todos os seus veciños e veciñas.

Comparte este artigo