Ana González Abelleira acusa o Goberno local de desaproveitar dous proxectos estratéxicos financiados con fondos europeos para dinamizar a cultura, o turismo desestacionalizado e a promoción gastronómica de Lugo
A portavoz adxunta socialista denuncia a ausencia de programación na Fábrica da Luz desde a súa apertura e o parón do Coliving tras a moción de censura, baixo a nova dirección municipal de Cultura
O PSOE advirte de que a falta de actividade compromete o aproveitamento dos investimentos europeos e evidencia a incapacidade de Candia para traballar co tecido cultural e hostaleiro da cidade
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou a falta de iniciativa e de capacidade de xestión do Goberno de Elena Candia para dar contido e dinamizar dous equipamentos estratéxicos para Lugo: o Coliving e o Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz que, de facto, atópanse sen actividade. Dúas infraestruturas que o anterior Goberno municipal conseguiu impulsar grazas á captación de financiamento europeo, a través do proxecto Muramiñae e do Plan de Sustentabilidade Turística, respectivamente, e que actualmente permanecen sen unha actividade acorde cos obxectivos para os que foron creadas.
González Abelleira lamentou que o actual Executivo local estea desaproveitando recursos públicos e oportunidades de dinamización económica, cultural e turística que deberían estar ao servizo da cidadanía. “Estamos falando de dous equipamentos nos que investimos esforzo, planificación e financiamento europeo para dotar Lugo de novas ferramentas de dinamización. O problema é que Candia parece conformarse con abrir edificios, pero non ten capacidade para dotalos de contido, programación e actividade. Un equipamento público non cumpre a súa función polo simple feito de estar construído: ten que estar vivo e ao servizo da xente”, afirmou.
A concelleira socialista puxo o foco, en primeiro lugar, na situación do Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz, un proxecto concibido para impulsar a promoción da gastronomía lucense, poñer en valor os produtos de proximidade e crear un novo espazo de encontro entre o sector hostaleiro, os produtores e a cidadanía. González Abelleira denunciou a ausencia dunha programación estable desde a súa apertura e a falta de iniciativas que permitan aproveitar todo o potencial deste equipamento.
“Non ten sentido investir recursos europeos nun centro destinado a promocionar a nosa gastronomía e os produtos locais para despois deixalo sen unha programación que implique aos profesionais do sector, aos produtores e ao tecido hostaleiro. A Fábrica da Luz debería ser un referente para a promoción enogastronómica de Lugo e unha ferramenta para dinamizar a actividade económica e turística. Hoxe, porén, non estamos vendo ese impulso”, sinalou.
A portavoz adxunta tamén alertou da situación do Coliving, un equipamento impulsado no marco de Muramiñae para favorecer a actividade cultural, atraer novos proxectos e contribuír á desestacionalización turística. Segundo denunciou, tras a moción de censura e o cambio na dirección municipal de Cultura, o proxecto entrou nunha situación de parálise, sen unha programación que permita desenvolver os obxectivos cos que foi concibido.
“Co Coliving queriamos crear un espazo capaz de atraer persoas creadoras, profesionais e iniciativas culturais, xerar actividade durante todo o ano e conectar Lugo con outras redes culturais e turísticas. Era unha oportunidade para diversificar a oferta da cidade e reforzar a súa proxección exterior. Pero desde o cambio de Goberno o que estamos vendo é un parón absoluto, unha ausencia de iniciativa que está a desaproveitar todo o traballo realizado”, denunciou.
Para González Abelleira, a situación dos dous equipamentos evidencia unha carencia de fondo na forma de gobernar de Elena Candia: a incapacidade para establecer unha colaboración estable co tecido social, cultural e económico da cidade. A edil lembrou que tanto o Coliving como a Fábrica da Luz precisan dunha programación construída coa participación dos sectores implicados, con entidades culturais, artistas, produtores, hostaleiros e profesionais turísticos.
“Non se pode dinamizar a cultura nin a gastronomía desde un despacho, nin limitar a xestión destes espazos a decisións puntuais ou anuncios illados. Hai que escoitar os sectores, crear alianzas, establecer calendarios e ofrecer continuidade. O Concello debe actuar como facilitador e impulsor da actividade, non como un simple xestor de edificios”, explicou.
A portavoz socialista advertiu tamén de que a ausencia de actividade pon en risco o aproveitamento dos fondos europeos captados para executar estes proxectos. “Os fondos europeos non se conseguen para inaugurar infraestruturas e deixalas despois sen uso. Conséguense para cumprir uns obxectivos concretos, xerar actividade e producir un impacto positivo na cidade. Se non existe programación nin se desenvolven as finalidades previstas, estamos desaproveitando o investimento realizado e comprometendo o retorno social e económico que xustificou a súa financiación”, afirmou.
González Abelleira reclamou, ademais, que ambos equipamentos se integren nunha estratexia máis ampla de recuperación e conexión da trama urbana co entorno do río Miño. A Fábrica da Luz e o Coliving deben funcionar como elementos activos dunha rede de espazos culturais, turísticos e de lecer que permitan achegar a cidadanía ao río, reforzar os itinerarios peonís e consolidar a contorna fluvial como un dos grandes activos urbanos de Lugo.
Finalmente, Ana González Abelleira anunciou que o Grupo Municipal Socialista solicitará ao Goberno local a elaboración e posta en marcha dun programa estable de actividade para o Coliving e o Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz, con obxectivos definidos, calendario anual, participación dos sectores implicados e avaliación dos resultados.
“Lugo non pode permitirse ter equipamentos financiados con fondos europeos pechados á actividade ou funcionando moi por debaixo das súas posibilidades. Necesitamos que o Coliving recupere a súa vocación cultural e de dinamización turística e que a Fábrica da Luz se converta no espazo de referencia para a promoción da nosa gastronomía. Candia recibiu dous proxectos con financiamento, infraestruturas e unha finalidade perfectamente definida. O que lle pedimos é que os poña a funcionar, que traballe coa cidade e que deixe de desaproveitar oportunidades que son de todos os lucenses”, concluíu.

