A Audiencia Nacional falla a favor do Concello e obriga ao Ministerio de Transporte a devolver os 1,4 millóns de euros da subvención da Praza de Abastos

Redacción
Lectura mínima de 3

A Audiencia Nacional ditou unha sentenza na que estima o recurso presentado polo Concello contra a resolución, do 29 de xullo de 2022, do director de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana que acordaba o reintegro ao Tesouro Público da cantidade de 1.435.265,66 euros derivados da subvención recibida en 2016 polo Concello para a primeira anualidade das obras de rehabilitación da Praza de Abastos número 1 de Ourense.  A contía desglósase en 1.190.919,84 euros da anualidade, que fora abonada o 11 de xaneiro de 2016, máis 244.345,82 euros en concepto de intereses de demora.

A Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Oitava, da  Audiencia conclúe que a resolución que ordenaba o reintegro destes fondos “non é conforme a dereito” e déixaa sen efecto. En consecuencia, o Ministerio deberá reintegrarlle esta contía ao Concello, que xa realizara a devolución. O proceso, defendido polos servizos xurídicos do Concello, impón tamén á parte demandada o pago das custas procesais. A sentenza é susceptible de recurso de casación.

Na súa sentenza, a Audiencia Nacional estima o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello contra a resolución do Ministerio. O Concello alegaba, entre outros argumentos, a caducidade do procedemento para solicitar o reintegro, ademais de infracción do principio de confianza lexítima, o cumprimento da subvención, a realidade das certificacións achegadas e a falta de competencia do órgano que acordaba a resolución impugnada.

A Audiencia Nacional estima o recurso presentado polo Concello polo primeiro dos motivos. Segundo recolle a sentenza, “é evidente que a Administración superou o prazo de 12 meses que tiña con arranxo ao disposto na Lei Xeral de Subvencións para resolver e notificar a resolución á parte demandante nesta litis”. Por este motivo, continúa, “deben estimarse as súas pretensións no sentido de declarar non conforme a dereito a resolución” que acordaba o reintegro da subvención concedida para a reforma e a rehabilitación da Praza de Abastos. Ao apreciar a caducidade do expediente, a Audiencia Nacional non ve preciso entrar na análise do resto de motivos expostos na demanda.

Comparte este artigo