A celebración da VI Carreira da Muller ocasionará este domingo, día 9 de marzo, cortes e restricións de tráfico en diversas rúas da cidade, entre as 10.00 e as 12.00 horas. A actividade está organizada por Club Runmaniak Box001 Ourense coa colaboración do Concello, no marco da celebración, o 8M, do Día Internacional das Mulleres, e busca fomentar a participación da muller no deporte e a vida saudable.
O percorrido da carreira absoluta é de 5 km, con saída (11.00 h) e meta na Praza Maior, percorrendo a Avenida de Pontevedra, rúa Desengano, As Burgas, marxe dereita do Barbaña, Avilés de Taramancos, Pardo de Cela, marxe esquerda do Barbaña, Pura e Dora Vázquez, Vila Valencia, Praza de Abastos, As Burgas, Cervantes, Praza da Ferraría, Pelaio, Saco e Arce, Dous de Maio, Hernán Cortés, Praza do Trigo, Cardeal Cisneros, A Unión, Fornos, Praza do Ferro, Santo Domingo, Parque de San Lázaro, Paseo, Lamas Carvajal e Praza Maior.
A carreira inclusiva, de 1 km, sairá tamén da Praza Maior ás 10.50 h e percorrerá as rúas das Tendas, da Paz, Praza do Ferro, Santo Domingo, Parque de San Lázaro, Paseo, Lamas Carvajal e Praza Maior.
Dispositivo de tráfico
Aínda que a maior parte do circuíto transcorre por zonas peonís, o desenvolvemento da proba requirirá pechar o tráfico en varios puntos clave da ruta: Portocarreiro, sobre a ponte; parte inferior da Praza de Abastos número 1, desde Carriarico ata Pura e Dora Vázquez; rúa Antonio Puga; Ponte Lebrona e Parque San Lázaro.
A Policía Local avanza que se establecerán vías alternativas e se abrirá o paso progresivamente a medida que a carreira vaia avanzando. Desde primeira hora da mañá e ata a finalización do evento, o tráfico rodado verase afectado nestas zonas, polo que recomenda ás persoas condutoras que planifiquen os seus desprazamentos con antelación e utilicen vías alternativas.
Ademais, o Concello solicita a colaboración da cidadanía para garantir o bo desenvolvemento da proba e agradece de antemán a comprensión ante as posibles molestias que se poidan ocasionar.

