O índice de ocupación hoteleira superou o de anos anteriores no mes de novembro, segundo a enquisa que realiza o INE
A cidade aumentou a súa oferta, impulsada polo aumento de prazas nas vivendas de uso turístico, cun total de 1.962
A cidade de Ourense rexistrou cifras récord de actividade turística durante o ano 2024, impulsadas por un maior grao de ocupación hoteleira e por un notable aumento na oferta de prazas en vivendas de uso turístico.
A enquisa de ocupación hoteleira que realiza o Instituto Nacional de Estatística, nos seus datos máis actuais dispoñibles, correspondentes ao mes de novembro de 2024, indica que os establecementos da cidade (hoteis e pensións) rexistraron un índice de ocupación do 50%, superando as porcentaxes rexistradas nos anos anteriores: o 46% en 2023 e 2022. O incremento da ocupación hoteleira na cidade do mes de novembro marca unha tendencia que se mantivo ao longo de todo o ano 2024, xa que case todos os meses se acadou un aumento fronte aos anos anteriores.
Porén, o maior incremento do sector vén dado polos aloxamentos en vivendas de uso turístico. A este respecto, aínda que o estudio do INE non recolle este dato, a cidade rexistra un pronunciado incremento no aloxamento de turistas nesta modalidade, que se evidencia no incremento da oferta de prazas. Se no ano 2018 había 154 prazas na cidade, hoxe son xa 1.962 prazas.
O goberno municipal considera que o auxe do turismo pon de manifesto o acerto do Concello ao non acudir a certames como a feira de turismo Fitur que se desenvolverá esta semana en Madrid, e apostar por outras vías de promoción da cidade: “Levamos 3 anos sen ir a Fitur, que é unha feira endogámica, que só serve para gastar diñeiro en facer unha presentación para que cada alcalde lle fale da súa cidade á xente da súa cidade”, asegura o goberno local, “Fitur non vale para nada, é un meeting point para negocios non turísticos, para empresas provedoras de servizos que non son do sector turístico”. En cambio, subliñan desde o grupo de goberno do Concello, “en Ourense cada vez temos máis turistas e alcanzamos cifras récord, iso é porque a nosa promoción vai por outro lado, e dá resultados”.