HomeOurenseA cidade de Ourense será esta fin de semana o referente do...

A cidade de Ourense será esta fin de semana o referente do canto coral en Galicia coa oitava edición de Ourencanto

- Anuncio -spot_img
  • Máis de 300 nenos e mozos participarán no encontro de coros infantís, xuvenís e escolares, que rematará o domingo cun concerto no Auditorio
  • O salón de plenos acolleu a presentación da actividade, na que colabora o Concello

A cidade de Ourense será esta fin de semana o referente do canto coral en Galicia coa celebración de Ourencanto 2026. Máis de 300 nenos e mozos participarán na oitava edición deste encontro de coros infantís, xuvenís e escolares, que se desenvolverá desde o vindeiro venres, día 10, ata o domingo, 12 de abril.

O salón de plenos acolleu esta mañá a presentación de Ourencanto 2026, nun acto no que participaron a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco; a directora técnica, Cristina Rodríguez, e o produtor, Carlos Núñez; o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e o director territorial da Consellería de Educación, Jorge Sampedro.

Participantes de entre 8 e 18 anos compartirán tres días de convivencia e formación musical que culminarán cun concerto final o domingo, 12 de abril, ás 19.00 no Auditorio Municipal.

Desde a súa orixe, o festival conta coa dirección artística de Josu Elberdin, figura de prestixio internacional cuxa traxectoria foi esencial para consolidar o proxecto. Nesta edición tamén estará presente Javier Busto, referencia da música coral contemporánea e autor de pezas estreadas en edicións anteriores do certame.

Ourencanto é unha iniciativa pioneira creada para xuntar formación e música. O seu impacto inspirou proxectos en España e Hispanoamérica, consolidándose como un encontro de relevancia a nivel nacional e internacional.

Máis información en: https://ourencanto.org/

Publicacións Relacionadas