A Comisión de Pleno ditamina favorablemente o proxecto de orzamentos do Concello, que se presentará o luns ante o Pleno

adminON
Lectura mínima de 2

A orde do día incluirá tamén as modificacións orzamentarias 2P e 3P

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente nunha xuntanza extraordinaria celebrada esta mañá o proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense para o exercicio 2025, formado polos orzamentos do propio concello e do seu organismo autónomo, Consello Municipal de Deportes (CMD), as bases de execución e os anexos de persoal.

O proxecto orzamentario, que ascende a un total de 116.700.226,82 euros, presentarase a aprobación inicial por parte do Pleno do Concello nunha sesión extraordinaria que terá lugar o vindeiro luns, día 21 de xullo, ás 9.00 horas. A proposta orzamentaria chegará ao pleno tras ser ditaminada favorablemente cos votos do grupo de goberno de Democracia Ourensana, as abstencións de PP e PSdeG-PSOE e o voto en contra do BNG.

Na mesma sesión, a Comisión de Pleno ditaminou favorablemente dous expedientes de modificación de créditos (2P e 3P/2025), que tamén se presentarán a aprobación inicial diante do Pleno o vindeiro luns. A modificación 2P ascende a 1,7 millóns, que se destinarán principalmente a partidas da área social, e a 3P achega 5,1 millóns para as obras do Parque de Canedo. Neste caso, as dúas propostas contaron cos votos favorables de DO e as abstencións de PP, PSdeG-PSOE e BNG.

Debate plenario

Para o debate da aprobación inicial do proxecto de orzamentos do Concello e do CMD, a sesión do vindeiro luns contará con 3 quendas de intervencións por parte de cada grupo político. Dúas delas estarán dedicadas aos orzamentos do Concello: a primeira será de 10 minutos e a segunda de 5 minutos, e a terceira, tamén de 5 minutos, estará dedicada aos orzamentos do CMD. As dúas modificacións orzamentarias incluiranse nun mesmo debate, con quendas de 5 minutos.

Comparte este artigo