O documento recibiu o voto favorable do grupo de goberno e a abstención do resto dos grupos municipais
A conta, que reflicte a realidade económica e financeira da administración municipal, someterase agora a exposición pública antes da súa aprobación en Pleno
A Comisión Especial de Contas, reunida esta mañá no salón de plenos, deu o visto e prace á Conta Xeral do Concello de Ourense correspondente ao exercicio económico de 2024. O documento, que integra os estados e contas anuais da administración municipal e os seus organismos dependentes, foi ditaminado cos votos a favor do grupo de goberno de Democracia Ourensana (DO) e a abstención dos demais grupos da corporación municipal (PP, PSdeG-PSOE e BNG).
Este trámite supón un importante paso no ciclo de xestión económica do Concello, xa que a Conta Xeral é o instrumento de control que permite verificar a execución do orzamento e a situación patrimonial da entidade ao peche do ano anterior.
Tras este ditame favorable, o procedemento continuará coa publicación do anuncio correspondente no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A partir dese momento, o documento quedará exposto ao público para que calquera interesado poida presentar as reclamacións, reparos ou observacións que considere oportunas. Unha vez finalizado o período de exposición pública e resoltas as posibles alegacións, a Conta Xeral de 2024 elevarase ao Pleno da Corporación para a súa aprobación.



