O Concello de Ourense, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM), pon en marcha unha nova edición do Proxecto Convívere, co lema “Coexisten os obxectos, as persoas conviven!”, que se desenvolverá desde o 21 de xaneiro ata o 27 de maio.
O programa ofrece obradoiros quincenais (os mércores, de 17.00 a 20.00 h) no CIMM (na rúa Vasco da Ponte, número 1) dirixidos a persoas maiores de 18 anos. Nesta edición, abordaranse temáticas como a identidade feminina, o amor, o climaterio, a vida en parella e a diversidade, con algunhas sesións exclusivas para mulleres e outras de carácter mixto.
As persoas interesadas poden anotarse ao proxecto completo ou por meses. Para facilitar a participación, o Concello ofrece a posibilidade de servizo de canguraxe.
As inscricións están abertas ata o 19 de xaneiro e poden realizarse de forma presencial, na Concellería de Igualdade-CIMM, por teléfono, chamando ao 988 393 191 ou por correo electrónico: concelleriamuller@ourense.es.



