HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación activa o Plan Provincial de Vivenda, dotado con 500.000 euros,...

A Deputación activa o Plan Provincial de Vivenda, dotado con 500.000 euros, para fomentar o aluguer residencial en concellos de menos de 20.000 habitantes

- Anuncio -spot_img

Foi un dos 13 asuntos aprobados hoxe en Xunta de Goberno, onde se destinaron tamén 204.671,68 euros para axudas á cooperación con 6 municipios

Outorgáronse tamén 74 axudas a emprendedoras femininas da nosa provincia a través do Programa EmprendOU en feminino por importe de 100.000 euros

Concedéronse tamén 54 axudas a entidades deportivas e sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos, por importe de 79.231 euros

Foron aprobados tamén os prezos públicos para Pazolandia, (do 26 de decembro ao 4 de xaneiro). Seguirán sendo de 5€ por entrada, e de 4€ para grupos promovidos polos concellos e asociacións da provincia

A Deputación de Ourense vén de activar o Plan Provincial de Vivenda, cumprindo así un acordo plenario do pasado mes de abril. Este plan articúlase en torno a unhas bases, aprobadas hoxe en Xunta de Goberno, para unha liña de axudas destinadas á adquisición, rehabilitación ou mellora de vivendas de titularidade municipal destinadas ao aluguer residencial, dotadas con medio millón de euros.

Este foi o principal asunto aprobado hoxe en Xunta de Goberno, tal e como explicou o presidente provincial na rolda de prensa posterior, aclarando que esta liña de axudas está dirixida a concellos da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes. “O obxectivo primordial deste Plan Provincial de Vivenda é o de fixar poboación no noso rural, facilitando o acceso a vivendas de aluguer a través dos Concellos, dun xeito regulado e con todas as garantías”, sinalou Menor. De feito, as vivendas que conten con algunha destas axudas deberán ser postas no mercado de aluguer durante polo menos 5 anos para uso como vivenda habitual nun prazo de 6 meses desde a finalización das obras ou desde a adquisición da casa. “Poñemos en marcha así unha ferramenta útil e directa para actuar ante o gran reto que temos na provincia: o despoboamento”, recalcou o presidente provincial, quen avanzou que esta iniciativa terá continuidade nos vindeiros anos.

Serán actuacións subvencionables con estas axudas: a realización de obras de rehabilitación e reparación de vivendas de titularidade municipal cuxo destino sexa de aluguer como vivenda habitual; así como a  adquisición e/ou reforma, e/ou melloras de vivendas, cuxo destino sexa o aluguer como vivenda habitual.

O importe máximo por beneficiario será de 40.000 euros e os concellos que desexan optar a estas axudas só poderán presentar unha solicitude cada un. Haberá 2 meses de prazo para solicitalas trala publicación no BOP das bases que hoxe foron aprobadas en Xunta de Goberno.

Outros asuntos

Na Xunta de Goberno de hoxe foron un total de 923.902,68 euros a través de 13 expedientes.

Ás habituais axudas aos Concellos (204.671,68 euros para 6 municipios, os do Irixo, Riós, San Xoán de Río, Vilamarín, A Peroxa e Cortegada) sumámoslle 40.000 euros para a asociación AFAOR para que poidan ampliar as súas intalacións.

Foron outorgadas tamén 74 axudas a emprendedoras femininas da nosa provincia a través do Programa EmprendOU en feminino por importe de 100.000 euros. E concedéronse 54 axudas a entidades deportivas e sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos, por importe de 79.231 euros.

Aprobáronse tamén os prezos públicos para “o gran evento do Nadal nesta provincia”, tal e como definiu Menor a Pazolandia, que se desenvolverá do 26 de decembro ao 4 de xaneiro. Os prezos das entradas eguirán sendo de 5€ por entrada, e de 4€ para grupos promovidos polos concellos e asociacións da provincia.

Por último, foron fixados os prezos públicos do Plan Anual de Publicacións, que consta de 7 obras: Do conservadurismo ao catolicismo de masas, de Carlos Taboada Tundidor (19€ + IVE); A obra da Ponte Maior no século XV, de Anselmo López Carreira (25€+IVE); Curros e Junqueiro: a liberdade e o espírito, de Henrique Manuel Pereira e Lourdes Maceiras (15€+IVE); Rabia, sanidad y sociedad. Ourense 1885-1936, de Daniv Simón Lorda (13€+IVE); A Praza Maior e Auria Vella, de Jesús Fernando Román Alonso (17€+IVE); A virxe do Cristal. Lenda, roubo, asasinato, de José Manuel del Caño González (polo seu interese social, repartirase de xeito gratuito en bibliotecas e puntos de lectura da provincia); Ramón Conde. Entre las emociones y la razón, de Mª Mercedes Gallego Esperanza (36€+IVE); Chandrexa de Queixa. Patrimonio Natural, de Luis José Míguez Rodríguez (19€+IVE).

Publicacións Relacionadas