Os días 4, 5 e 6 de agosto o concello converterase en todo un punto de referencia gastronómico coa degustación de 3.000 quilos deste produto nas nas máis diversas preparacións
Os días 4, 5 e 6 de agosto o concello de Arnoia converterase en todo un punto de referencia gastronómico na provincia coa celebración da XLIV Festa do Pemento, na que se prepararán 3.000 quilos deste produto, amparado baixo unha Indicación Xeográfica Protexida, para a súa degustación nas máis diversas preparacións.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, e o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, presentaron esta mañá no Pazo Provincial os detalles dunha festa en cuxa programación no faltará a animación musical a cargo de charangas e orquestras, actividades para a cativada, a sétima edición do Festival de Pandereteiras ou a concentración de vehículos clásicos con preto dun cento de participantes.
César Fernández destacou o apoio da Deputación de Ourense “a unha das festas gastronómicas máis importantes do verán na provincia e toda unha referencia na comarca do Ribeiro”, sinalando que esta colaboración enmárcase “na aposta da institución provincial polos produtos senlleiros da nosa terra”.
Rodrigo Aparicio puxo en valor o esforzo que realiza o Concello para organizar estes tres días de festa, onde xunto ao apoio de institucións públicas como a Deputación de Ourense destaca “a gran colaboración veciñal, con case 200 persoas traballando”.
O alcalde de Arnoia sinalou que a cita gastronómica seguirá o formato habitual destes últimos anos, coa inauguración da festa o venres, día 4, ás 21.00 horas, o pregón a cargo do actor galego Víctor Fábregas, e as degustacións de pementos en diversas preparacións, tanto fritidos como en tortilla, recheos, en croquetas ou mesmo como xeado.