A Deputación capta 750.000 euros de fondos europeos para formar a 6.000 veciños do rural en novas tecnoloxías

adminON
Lectura mínima de 2

O programa de capacitación dixital desenvolverase ao longo de todos os concellos da provincia de Ourense

O proxecto tamén inclúe a adquisición dunha plataforma de teleformación para a institución ourensá, que permitirá a capacitación dixital, continua e gratuíta, de todos os colectivos obxecto deste proxecto e dos empregados públicos da provincia

A Deputación de Ourense formará a 6.000 veciños do rural da provincia en novas tecnoloxías. A institución ourensá é unha das institucións nacionais beneficiarias do programa Reto Rural Dixital, para proxectos de capacitación dixital no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A Deputación recibirá 750.000 euros de financiación, a través dos fondos europeos Next Generation, para esta iniciativa pioneira que permitirá formar en novas tecnoloxías a 6.000 veciños da provincia.

O programa de capacitación dixital desenvolverase ao longo de todos os concellos da provincia, co obxectivo principal de facilitar un acceso ao uso das ferramentas dixitais útiles para o día a día aos habitantes do rural ourensá. Está orientado a colectivos para os que se require unha perspectiva demográfica específica, como as persoas maiores, as mulleres, a infancia, a  xuventude e as persoas desempregadas.

Por outra banda, o programa permitirá adquirir unha plataforma de teleformación para a Deputación de Ourense, que permitirá a formación continua dos colectivos rurais obxecto deste proxecto así como de todos os empregados públicos da provincia de Ourense, facilitándolles a súa formación con independencia do seu lugar de residencia.

Atendendo os requisitos de PRTR, estimase que o proxecto estará rematado a finais do mes de marzo do ano 2026.

Comparte este artigo