O presidente, Luis Menor, e o alcalde, Mario Rodríguez, abordaron nunha reunión celebrada no Pazo Provincial a cooperación en proxectos de eficiencia enerxética, saneamento e promoción do mosteiro de San Pedro de Rocas
A Deputación de Ourense colaborará co Concello de Esgos na execución dun proxecto de mellora no campo de fútbol municipal, que pasará de ter unha superficie de terra a contar con céspede artificial. Así o trasladou o presidente da institución provincial, Luis Menor, ao alcalde, Mario Rodríguez, no transcurso da reunión que mantiveron no Pazo Provincial.
Con este proxecto, dixo Luis Menor, dáse resposta a unha importante demanda do Club Deportivo Rocas, que milita na categoría Segunda Galicia, e que ten unha ampla traxectoria deportiva con medio século de historia.
No encontro, Luis Menor e Mario Rodríguez tamén repasaron outros asuntos nos que están a colaborar a Deputación e o Concello, como cuestións de saneamento e un plan de eficiencia enerxética que permitirá o cambio de luminarias na parroquia de Quinta do Monte.
Outros dos temas tratados foi a colaboración nun ámbito que abrangue tanto a Esgos como aos concellos limítrofes: o turístico, a través de ruta de sendeirismo e promoción da cultura en torno ao monumento más visitado da Ribeira Sacra e peza fundamental do seu patrimonio como é o mosteiro de San Pedro de Rocas.