O presidente da Deputación, Manuel Baltar, abordou co alcalde deste concello, Jaime Sousa, as liñas de cooperación abertas entre ambas administracións
O goberno provincial tamén colaborará nas actividades da Asociación de Comuneros de Nogueiró e reforza o seu compromiso coa Mancomunidade de Terras de Celanova, cooperando na futura compra dun camión con escaleira para os bombeiros
Manuel Baltar recoñeceu o traballo de Sousa e avanzou o máximo compromiso cos proxectos de futuro de Cartelle e da Mancomunidade
Jaime Sousa agradeceu o apoio da Deputación: “Sen a axuda do goberno provincial sería imposible avanzar nestas liñas de traballo”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro no Pazo Provincial co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, co que repasou as liñas de traballo que van marcar nos vindeiros meses a colaboración entre as administracións provincial e municipal, que estarán centradas na mellora das infraestruturas viarias, dotación de servizos e no eido medioambiental.
En concreto, a Deputación cooperará na mellora de pistas en varios núcleos do municipio, no acondicionamento das instalacións da antiga escola de Terzas e colaborará coa Asociación de Comuneros de Nogueiró no peche de fincas e na adquisición dun tractor de segunda mano.
Manuel Baltar recoñeceu o traballo de Jaime Sousa, “tanto nos seus prantexamentos e planificación ao fronte do Concello de Cartelle como na presidencia da Mancomunidade de Terras de Celanova”. O presidente da Deputación avanzou a “máxima colaboración” do goberno provincial na cooperación de “proxectos importantes, para seguir mellorando as vías de comunicación de Cartelle ou na decidida aposta común polas cuestións medioambientais e no ámbito cultural”.
Jaime Sousa agradeceu o apoio da Deputación: “Coma sempre, o presidente está aí para atender as nosas peticións. Sen a axuda do goberno provincial sería imposible poder avanzar nestes proxectos”.
Mancomunidade de Terras de Celanova
Na reunión tamén se abordaron cuestións vencelladas á Mancomunidade de Terras de Celanova, presidida por Jaime Sousa dende xaneiro de 2022. “Analizamos cuestións de seguridade e de incendios, con material imprescindible. Entre outras cousas, o presidente da Deputación garantiunos o apoio para gastos de funcionamento da entidade e para a adquisición dun camión escaleira para os bombeiros, que proxectamos adquirir coa colaboración da Xunta de Galicia”, sinalou Sousa.