O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, visitou o edificio que será rehabilitado acompañado polo alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes, concelleiros do grupo de goberno e o arquitecto responsable do proxecto
“É un proxecto racional e ben prantexado, outro exemplo máis do excelente traballo do equipo de goberno e con numerosas posibilidades para o futuro do concello”, sinala Manuel Baltar sobre unha iniciativa que incluiría un centro de interpretación da Ribeira Sacra, salas de exposicións e outros espazos abertos para usos culturais
Na reunión previa, celebrada no Concello de Nogueira de Ramuín, Manuel Baltar avanzou a colaboración da Deputación na renovación da estrada de Santo Estevo (OU-0508)
O presidente da Deputación tamén supervisou unhas obras de mellora de parques infantís financiadas polo goberno provincial e visitou a cooperativa Sofragal, adicada á xestión de soutos e a transformación e comercialización da castaña e produtos derivados
A Deputación de Ourense colaborará na transformación do vello cuartel da Guardia Civil situado en Luíntra (Nogueira de Ramuín) nun complexo enfocado na Ribeira Sacra -a través dun centro de interpretación-, diferentes salas expositivas -arredor de figuras senlleiras do territorio, como poden ser o afiador ou o propio Eduardo Barreiros- e outros espazos abertos para usos culturais.
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, avanzou o futuro apoio da Deputación de Ourense á iniciativa municipal durante a súa visita á Nogueira de Ramuín, na que estivo acompañado polo equipo de goberno liderado polo alcalde, Julio Temes. Despois dunha reunión de traballo no Concello, trasladáronse ata a vella casa cuartel, onde o arquitecto encargado do proxecto, Daniel López, completou as explicacións sobre os detalles da futura intervención para a posta en valor do edificio e os seus usos culturais e patrimoniais.
Manuel Baltar definiu o proxecto presentado polo rexedor como “racional e ben prantexado, outro exemplo máis do excelente traballo deste equipo de goberno e que ofrece numerosas posibilidades para o futuro de Nogueira de Ramuín”.
O presidente da Deputación garantiu a colaboración do goberno provincial a un proxecto que conta coa implicación do propio Concello e no que tamén se buscará o apoio da Xunta de Galicia: “Este espazo cultural será unha nova mostra da importancia da colaboración entre administracións para o progreso do territorio, alimentando iniciativas con capacidade de dinamización e xeradoras de recursos”.
Manuel Baltar valora do equipo de goberno a “visión necesaria na recuperación desta infraestrutura para os veciños e toda a comarca”
“Este complexo dará protagonismo á Ribeira Sacra e a figuras propias como o afiador”, remarca Manuel Baltar sobre un proxecto aberto á futura colaboración de entidades como a Fundación Eduardo Barreiros e que está prantexado como un soporte para todo tipo de iniciativas culturais.
O presidente do goberno provincial destaca a capacidade propositiva do equipo de goberno -“que importante é ter a visión necesaria no proceso de recuperación desta infraestrutura para os veciños e toda a comarca”- como panca de activación dun proxecto que ten a previsión de arrancar no 2023, como sinalou o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes, antes de destacar o “vital” da colaboración da Deputación: “Sen o seu apoio sería imposible poder converter os proxectos como este en realidades que permitan seguir potenciando o noso pobo”.
Manuel Baltar enmarca esta iniciativa dentro da “firme aposta” do goberno provincial pola Ribeira Sacra: “O novo complexo cultural será outro atractivo máis dunha das mellores xoias da nosa provincia, motor de desenrolo e no camiño de converterse en Patrimonio da Humanidade”.
Recuperación dun edificio do século XIX para o seu uso dotacional
O equipo encargado do proxecto de rehabilitación integral do edificio, construído en 1890, sinala que neste tempo “o edificio sufriu diferentes usos, o último o de cuartel da Guardia Civil previo ao seu abandono. Nestas adaptacións, moitas das intervencións foron lesivas para o inmoble, polo que a actuación pretende revertelas e recuperar a configuración inicial para convertelos nun espazo dotacional digno de ser entrada á Ribeira Sacra”.
O proxecto de rehabilitación no que colaborará a Deputación abarca, por tanto, a reversión das “actuacións disonantes” para remarcar unha intervención exemplar para reforzar “os valores culturais e patrimoniais de Nogueira de Ramuín e de toda a Ribeira Sacra”.
Dentro deste futuro espazo estaría incluído o centro de interpretación da Ribeira Sacra, ademais de dar protagonismo á figura do afiador e habilitar con salas de exposición e de outros usos culturais. Entre outras futuras liñas de actuación estaría a colaboración deste novo espazo coa Fundación Eduardo Barreiros.
Completar a mellora da estrada OU-0508, renovación dos parques infantís e visita á cooperativa Sofragal
No encontro de traballo celebrado no Concello de Nogueira de Ramuín, Manuel Baltar comprometeu o respaldo do goberno provincial a outra iniciativa presentada polo alcalde: completar a mellora da estrada de Santo Estevo (OU-0508).
Manuel Baltar tamén supervisou o avance nas obras dun dos parque infantís mellorados coa colaboración da Deputación e visitou no polígono de Nogueira de Ramuín as instalacións da cooperativa Sofragal, adicada á xestión de soutos para a obtención de castaña e a súa transformación e comercialización e produtos derivados. “Esta cooperativa de produtores é unha referencia de crer no territorio e dinamizar o medio rural cun produto de primeira calidade, con pegada nos mercados e que é, sen dúbida, Marca Ourense”, sinalou o presidente do goberno provincial despois dunha visita na que estivo acompañado por directivos e socios da cooperativa.