A Deputación de Ourense propón no Congreso Internacional de Termalismo de Archena un “programa de respiro” en balnearios españois para os maiores afectados pola DANA

adminON
Lectura mínima de 6

O presidente #Luis Menor solicitou a colaboración doutras administracións, vilas termais e instalacións balnearias para ofertar un volume suficiente de prazas “e así chegar a máis concellos valencianos e a máis persoas”

“A nosa achega sería humilde fronte á gran cantidade de necesidades destas persoas”, dixo o presidente provincial, “pero podemos e debemos facer este esforzo”, que tamén contribuiría a situar aos balnearios como referentes non só no ámbito da saúde, “senón tamén da solidariedade”

Tras dar a coñecer esta proposta de saúde física e mental, que xa conta co visto e prace dalgúns dos balnearios da provincia de Ourense, no mesmo Congreso sumáronse xa os concellos de Archena e Caldes de Malavella (Xirona)

Luis Menor, durante a súa intervención no Congreso, explicou o modelo que impulsa a Deputación de Ourense e que aposta por “fixar unha verdadeira e duradeira cooperación público-privada co sector en cada territorio”, ademais de buscar a “personalización” do termalismo

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, propuxo hoxe no Congreso Internacional de Termalismo que se celebra en Archena (Murcia) a posta en marcha dun “programa de respiro” para as persoas maiores que sufriron as consecuencias da DANA na comunidade valenciana. Unha iniciativa que xa conta co visto e prace dalgúns balnearios da provincia de Ourense e para a que Luis Menor solicitou a incorporación dos balnearios españois, mediante a poñer ao dispor dos damnificados de prazas termais.

“A nosa achega sería humilde fronte á gran cantidade de necesidades destas persoas”, dixo o presidente provincial, que tamén pediu o apoio de máis administracións e vilas termais para poder ofertar un volume suficiente de prazas balnearias “e así chegar a máis concellos valencianos e a máis persoas”.

Luis Menor sostén que “podemos e debemos facer este esforzo”, que segundo engadiu tamén contribuiría a situar aos balnearios como referentes non só no ámbito da saúde, “senón tamén da solidariedade”.

A Deputación de Ourense, a través da área de Benestar, xa mantivo contacto con algúns dos municipios máis afectados da comunidade de Valencia, que están a valorar a proposta. A través dos seus servizos sociais municipais, un determinado número de persoas tería a oportunidade de desconectar da durísima realidade que viven e sofren grazas a unha estancia nun balneario, contribuíndo á súa recuperación anímica e física, sempre acompañadas por persoal especializado.

Tras dar a coñecer esta proposta de saúde física e mental, que xa conta co visto e prace dalgúns dos balnearios da provincia de Ourense, no mesmo Congreso sumáronse xa os concellos de Archena e Caldes de Malavella (Xirona).

Ademais, a iniciativa foi presentada a Renfe, pois o tren sería o medio preferente de transporte cara aos municipios con instalacións termais, e tamén se deu traslado da idea á Rede de Cidades Saudables da FEMP.

Modelo de cooperación público-privada co sector termal

Xunto con esta proposta e durante a súa intervención no Congreso Internacional de Termalismo, Luis Menor explicou o modelo que está a impulsar a Deputación de Ourense neste ámbito e que aposta por “fixar unha verdadeira e duradeira cooperación público-privada con todo o sector termal en cada territorio”.

O presidente provincial explicou o apoio público da Deputación ourensá ao fomento do termalismo en dez puntos. O primeiro deles un uso funcional e equilibrado dos balnearios cunha dobre vertente: a turística e como recurso social e de saúde.

Sinalou como esencial o desenvolvemento “planificado, estruturado e plurianual” das políticas locais de apoio ao termalismo, destacando ademais que un elemento central do modelo ourensán é a axuda pública en forma de subvención ás persoas.

Os balnearios, engadiu, teñen que ser considerados polas administracións públicas como “entidades colaboradoras”, implementando instrumentos xurídicos adecuados (bases reguladoras) para a xestión das axudas.

Avogou tamén por un sistema de xestión das axudas 100 % dixital; contemplar a mobilidade cara aos balnearios preferentemente en tren, combinado con outros sistemas de transporte; o apoio á sustentabilidade ambiental dos balnearios; unha avaliación continua das iniciativas; e a personalización do termalismo, con iniciativas dirixidas aos colectivos máis vulnerables en saúde física e mental.

Premio para o Campus da auga de Ourense

Luis Menor tamén tivo ocasión de felicitar ao equipo investigación do Campus da auga da Universidade de Vigo, situado en Ourense, e que recibiu o premio á mellor comunicación científica do Congreso pola súa proposta de creación dun Hub Termal para reducir o custo enerxético nos balnearios, iniciativa na que tamén colabora a Deputación de Ourense.
Comparte este artigo