Así o expuxo o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro de traballo mantido hoxe no Pazo Provincial co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, con que avaliou os proxectos nos que traballan ambas administracións “nun clima de máxima cooperación”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, para repasar os proxectos nos que están a traballar conxuntamente ambas administracións.
Luis Menor lembrou que o Concello de Verín (o terceiro municipio no ránking de poboación da provincia) recibirá este ano da Deputación 423.000 euros a través do Plan CooperOU, o que suporá que ao longo do presente mandato dispoña dunha contía total de 1.700.000 euros. Unha cantidade que referenda a “máxima cooperación e implicación” do goberno provincial co municipio de Verín, salientou Menor.
Ademais de analizar a achega prevista ao concello verinense na próxima modificación de crédito, por valor de 70.000 euros, durante o encontro tamén se abordaron os proxectos de cooperación en materia termal, concretamente no que atinxe ao acceso ao balneario de Cabreiroá e a outras instalacións municipais. Tamén falouse de colaboración no ámbito deportivo coa inclusión no Plan de Infraestruturas da renovación do céspede artificial do campo de fútbol de A Granxa.

