HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación, en colaboración co socio portugués ADERE, presenta un libro para...

A Deputación, en colaboración co socio portugués ADERE, presenta un libro para poñer en valor os entroidos na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés

- Anuncio -spot_img

O Entroido na RBTCG: un patrimonio a preservar”, é unha obra transfronteiriza realizada no marco do proxecto europeo Gerês-Xurés Mais Sustentável, cofinanciado polo FEDER a través do Programa INTERREG VI-A España Portugal (POCTEP) 2021-2027

A Deputación acolleu esta mañá a presentación do libro “O Entroido na RBTGX: un patrimonio a preservar”, unha obra transfronteiriza para poñer en valor os entroidos da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés. Trátase dunha publicación realizada no marco do proxecto europeo Gerês-Xurés Mais Sustentável, cofinanciado polo FEDER a través do Programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

O acto de presentación contou coa participación do vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez; do deputado de Turismo, Rosendo Fernández; do autor da obra, Sergio Pereira, en representación da empresa adxudicataria NOSO, S.C.G.

A publicación, promovida pola Deputación de Ourense en colaboración con ADERE, ten como obxectivo principal contribuír á preservación, estudo e difusión do patrimonio cultural inmaterial asociado ao Entroido/Entrudo na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX).

Un traballo de campo etnográfico nos concellos da RBTGX

Unha das actuacións contempladas no proxecto Gerês-Xurés Mais Sustentável foi a realización, ao longo de 2025, dun amplo traballo de campo etnográfico nos seis concellos da parte galega da RBTGX —Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños—, que incluíu entrevistas e gravacións audiovisuais dos diferentes entroidos da zona.

Este labor permitiu documentar e poñer en valor celebracións e personaxes tradicionais como as Madamitas e Galáns de Entrimo, os Folleteiros de Lobios, os Troteiros de Bande, os Cabreiros de Muíños, así como exemplos da parte portuguesa da Reserva, como os farrangalheiros de Castro Laboreiro, o pai velho de Lindoso, o carnaval de Tourém ou o entrudo de Pitões das Júnias, entre outros.

Na parte portuguesa da RBTGX, este tipo de estudos xa foran desenvolvidos con anterioridade, polo que o proxecto puxo un especial énfase na recompilación e sistematización da información correspondente ao territorio galego.

Unha publicación para conservar, interpretar e divulgar

Os resultados deste traballo deron lugar a unha publicación, dispoñible en versión impresa e dixital, en galego e en portugués, que se concibe como un repositorio para a memoria colectiva deste patrimonio etnográfico, así como unha ferramenta para a súa divulgación, interpretación histórico-sociolóxica e promoción didáctica e turística.

O proxecto incluíu trinta entrevistas etnográficas a diferentes veciños e veciñas da parte galega, así como a realización de documentos audiovisuais que serán desenvolvidos ao longo de 2026 e serán o eixo central para a súa promoción (didáctica e turística) dos diferentes entroidos da RBTGX.

Depósito do material para a súa preservación

As entrevistas e gravacións realizadas no marco deste traballo foron depositadas para consulta especializada na Biblioteca da Deputación de Ourense, no Museo do Pobo Galego e na Cidade da Cultura, garantindo así a preservación deste legado etnográfico, fundamental para o coñecemento e transmisión do patrimonio cultural inmaterial da provincia.

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa protección e posta en valor das tradicións populares, así como coa cooperación transfronteiriza como ferramenta para impulsar proxectos culturais e patrimoniais compartidos.

Publicacións Relacionadas