O obxectivo principal é construír un muro de contención no camiño que dá entrada ao recinto, fomentando así unha mobilidade sostible a pé por sendeiros que conectan os cascos antigos das poboacións e as termas
As actuacións, dotadas con 75.600 euros, enmárcanse no plan provincial de sustentabilidade turística, financiado pola Unión Europea, coa colaboración da Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia
O contrato contempla tamén a reposición de pavimento nun perímetro de 162 metros cadrados
A Deputación de Ourense impulsa a ampliación e a mellora da seguridade do acceso ao balneario histórico de Cortegada, un dos recintos termais de referencia da provincia. As actuacións, ás que se destinan 75.600 euros, teñen o obxectivo principal de construír un muro de contención no camiño que dá entrada ao balneario.
O contrato está financiado polo Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense Colle Velocidade, vilas históricas e termais”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU), en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia. As empresas poden presentar as súas ofertas para participar na licitación ata o próximo 29 de xaneiro.
A construción do muro permitirá ataxar os posibles riscos dos pequenos desprendementos que se producen na actualidade no camiño de acceso ao balneario histórico de Cortegada.
Tamén se realizará a reposición do pavimento afectado por outro novo nun perímetro de actuación de 162 metros cadrados.
Con estas melloras, a Deputación fomenta unha mobilidade sostible a pé por sendeiros que conectan os cascos antigos das poboacións e as termas, cuxa consecuencia máis directa é a redución de emisión de gases procedentes dos vehículos de combustión.
Deseño dunha ruta de sendeiros
Con esta actuación, tamén se dá continuidade a unha liña de traballo iniciada no plan de sustentabilidade turística Ourense Termal, que contempla o deseño dunha Ruta de Sendeiros que vincule o recurso das augas termais e mineiro medicinais con outros recursos naturais ou patrimoniais, contribuíndo así a xerar espazos de mobilidade a pé, así como novos atractivos para que os potenciais visitantes aposten polo uso de transportes sostibles, en fomento dun estilo de vida máis saudable.
As actuacións tamén permitirán poñer en valor a paisaxe, a protección da natureza, a conexión de recursos culturais e a seguridade.