As obras que executa a Xunta de Galicia na Avenida das Caldas ocasionarán restricións de tráfico desde o vindeiro martes, día 7, até o venres, 17 de xaneiro.
O martes, 7, comezarán os traballos de demolición e escavación da vía principal, que requirirán pechar ao tráfico desde o 7 ao 10 de xaneiro o treito superior e inferior da Avenida das Caldas. Deixaranse libres para a circulación de vehículos o treito máis próximo á Alameda, coas súas conexións coa Avenida de Santiago, Basilio Álvarez e Vicente Risco; e tamén a conexión entre a rúa Ribeira de Canedo e a Rúa Ribeiriño.
A segunda fase dos traballos realizarase durante a seguinte semana (desde o luns, 13, até o venres, 17) e consistirá no fresado e asfaltado da vía principal e a súa conexión coa Avenida de Santiago. Esta fase requirirá realizar un corte total de tráfico da Avenida das Caldas.
Tanto durante a primeira como durante a segunda fase das obras, permitirase o acceso puntual a garaxes
As obras forman parte do proxecto de eixo de mobilidade sostible que está a executar a Xunta de Galicia, no treito comprendido entre a estación intermodal e a Ponte Vella.
Autobuses urbanos
Os traballos tamén afectarán ao servizo de autobuses urbanos xa que desde que se produza o corte de tráfico, os vehículos que se dirixan ao centro da cidade seguirán un percorrido alternativo, polas rúas Euloxio Gómez Franqueira, cunha parada á altura da farmacia, Xesús Pousa e Basilio Álvarez. Este cambio afectará ás liñas 12: Estación de autobús antiga – Pazo e 25B: Estación de autobús antiga – Residencia.