Axentes da Policía Local de Ourense interviñeron con éxito na tarde do pasado venres, día 5 de decembro, nun suceso ocorrido na ponte sobre a estrada Nacional 525, á altura da Rúa Tangaraño.
Os efectivos policiais foron comisionados ao lugar ás 16.11 horas, tras recibir unha chamada do 112 que alertaba da presenza dunha persoa fóra da zona segura da ponte. Unha vez no lugar, os axentes observaron un home de 53 anos, en risco inminente de precipitarse, que estaba sendo retido nese momento por unha cidadá.
Os policías procederon inmediatamente a colaborar coa muller, agarraron e inmobilizaron o individuo na parte segura da ponte. A rápida actuación conxunta dos axentes e da colaboradora civil resultou crucial para evitar a caída da persoa ao baleiro sobre a N-525.
Tras a intervención, os servizos sanitarios trasladaron o home ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.



