O evento gastronómico organizado pola Asociación “A peneda da lebre”, coa colaboración da Deputación de Ourense, do Inorde e do Concello da Merca, terá lugar o vindeiro sábado, 2 de setembro, nun enclave patrimonial de referencia na nosa provincia como é o conxunto de canastros deste municipio
O Concello da Merca renderá homenaxe ás súas raíces coa celebración da XII edición da Festa de Exaltación do Porco ó Espeto que ten un profundo arraigo popular porque enxalza os seus oficios tradicionais de marrelleiros e tratantes que durante moitos anos foron os traballos por excelencia deste pobo que a día de hoxe aínda conserva un censo importante de gandeiros. O evento gastronómico organizado pola Asociación “A peneda da lebre”, coa colaboración da Deputación de Ourense, Inorde e do Concello da Merca, terá lugar o vindeiro sábado, 2 de setembro, nun enclave patrimonial de referencia na nosa provincia como é o conxunto de canastros deste municipio.
A festa foi presentada hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial delegado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o presidente da asociación “A peneda da lebre”, Manuel Carrera Grande; e o concelleiro de Cultura e Deportes do Concello de A Merca, José Benito Sampedro Feijóo.
Rosendo Fernández dixo que esta celebración non só exalta un produto gastronómico “saudable e de calidade da nosa provincia”, senón que tamén “mestura a historia e a tradición dun pobo”. Neste sentido, o deputado provincial lembrou que esta festa ten as súas orixes no século XVII, en torno ao ano 1620, coa figura dos marrelleiros ou tratantes de porcino. Unha importante actividade que daría lugar á celebración, os días 26 de cada mes, a unha feira de gando “mesmo nomeada polo Padre Feijóo e considerada no seu momento como a máis importante desde Ponferrada ata Portugal”.
Este ano a celebración terá lugar no conxunto de Canastros da Merca, situado no Campo da Feira, que está formado por un total de 34 canastros converténdoo no máis grande de Galicia. Os organizadores prevén unha asistencia aproximada de 500 persoas e a preparación de máis de 300 kg de porco ó espeto. Isto estará amenizado pola actuación da Banda de Gaitas, o Mercado de Artesanía, co concerto de Habitación Vudú e por DJ Popy. Ademais, ofrecerán aos asistentes a posibilidade de gozar do I roteiro “A Peneda da lebre” que terá a súa saída ás 11.00 horas desde o Campo da Feira, cun percorrido de 5 km.