HomeOurenseA Secretaría de Feminismos de Podemos Ourense esixe claridade e responsabilidades políticas...

A Secretaría de Feminismos de Podemos Ourense esixe claridade e responsabilidades políticas polo caso de acoso no PSOE de Lugo

- Anuncio -spot_img

Desde a Secretaría de Feminismos de Podemos Ourense queremos pronunciarnos con responsabilidade e claridade ante os feitos coñecidos en Lugo relacionados con presuntos casos de acoso sexual no seo do PSOE.

É importante precisar que as denuncias existentes contra José Tomé foron presentadas a través do canal interno antiacoso do PSOE, e non constan, a día de hoxe, denuncias xudiciais ante os tribunais. Esta aclaración é fundamental, pero non resta gravidade política nin feminista aos feitos, nin á maneira na que foron xestionados pola dirección socialista.

O que resulta especialmente preocupante é que José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, recoñeceu publicamente que tiña coñecemento desde o mes de outubro da existencia dun posible caso de acoso, aínda que a denuncia formal non se rexistrase ata semanas despois. Nun contexto feminista, saber que existe unha situación de posible acoso e non activar de inmediato mecanismos políticos e preventivos é unha actuación claramente insuficiente.

Desde Podemos Ourense queremos deixar claro que a ausencia dunha denuncia xudicial non pode ser utilizada como escusa para a inacción política. Os partidos teñen a obriga de actuar con contundencia desde o primeiro indicio, poñendo no centro ás posibles vítimas e garantindo espazos seguros.

Por iso preguntamos publicamente: vai o PSOE de Ourense seguir pechando filas arredor do seu secretario xeral en Galicia ou vai esixir explicacións claras e responsabilidades políticas?

O feminismo non pode ser selectivo nin condicionarse ao peso orgánico da persoa sinalada. Non abonda con protocolos no papel nin con declaracións xenéricas de “tolerancia cero” se logo se toleran silencios, atrasos ou cálculos internos.
Dende a Secretaría de Feminismos de Podemos Ourense reiteramos:

  • As vítimas deben estar sempre no centro, tamén cando as denuncias son internas.
  • A transparencia é unha obriga política, non unha opción.
  • As responsabilidades non desaparecen porque non exista, polo momento, unha vía xudicial aberta.
  • A coherencia feminista mídese na rapidez, na valentía e nos feitos.
    Porque sen tolerancia cero real non hai feminismo, e porque mirar para outro lado tamén é unha forma de violencia institucional.

Publicacións Relacionadas