Como secretaria de Feminismos de Podemos Ourense, veño de presentar por rexistro no Concello de Ourense unha proposta institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, co obxectivo de impulsar un posicionamento claro e activo da institución municipal en defensa dos dereitos das mulleres e da igualdade real.
O 8M non é unha data simbólica máis, senón unha xornada de loita feminista que lembra que os dereitos conquistados son froito da organización colectiva e do compromiso social fronte ás desigualdades estruturais que seguen afectando ás mulleres. Nun contexto marcado polo avance dos discursos antifeministas, considero imprescindible que as institucións democráticas adopten unha posición firme na defensa da igualdade.
A proposta presentada solicita que o Concello de Ourense asuma institucionalmente este compromiso e traslade aos grupos municipais unha serie de acordos orientados a reforzar as políticas públicas feministas a nivel local. Entre eles, inclúense accións de sensibilización durante o mes de marzo, o reforzo das actuacións municipais fronte ás violencias machistas e vicarias, a implantación de Puntos Violeta nos eventos municipais e o impulso de políticas públicas de coidados con perspectiva de xénero.
O documento tamén incorpora unha reflexión necesaria sobre as novas formas de violencia machista no ámbito dixital, especialmente aquelas derivadas do uso da intelixencia artificial, como a creación e difusión de imaxes sexuais manipuladas sen consentimento ou os chamados deepfakes, que buscan silenciar e expulsar ás mulleres do espazo público.
Así mesmo, a proposta atende á realidade específica de Galicia, marcada pola feminización da precariedade laboral, a sobrecarga de coidados e as dificultades de acceso a recursos en territorios rurais e dispersos. Neste sentido, deféndese o reforzo dos Centros de Información á Muller e a garantía dunha protección efectiva independentemente do lugar de residencia.
Os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, teñen unha responsabilidade fundamental na prevención das violencias machistas e na construción dunha sociedade máis xusta e democrática. Por iso, solicito á Alcaldía que esta proposta sexa trasladada aos grupos municipais para a súa posible aprobación como declaración institucional ou acordo plenario.
Seguiremos traballando para que o feminismo sexa unha prioridade política real e para avanzar cara a unha cidade máis igualitaria, libre de violencias machistas e comprometida cos dereitos humanos.



