O goberno municipal prevé adxudicar o contrato antes de abril
A unión temporal de empresas formada pola ourensá COPASA e Setec Building presentou a mellor oferta económica na licitación do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Ourense.
Esta mañá, nas dependencias do Servizo de Contratación tivo lugar a reunión da mesa de contratación do concurso para proceder á apertura das ofertas económicas. A UTE COPASA – Setec Building presentou unha oferta cunha baixa dun 6,15€ (preto dun millón de euros ao ano), moi superior aos 3,72% de baixa que ofrecía a seguinte empresa.
Ofertas económicas
- UTE SA de Obras y Servicios, COPASA — Setec Building SLU: 13.839.013,55€ máis IVE/ano, o que representa un 6,15% de baixa
- UTE Valoriza Servicios Medioambientales SA— Ingeser Atlántica SL— Promotora y Desarrolladora Mexicana de Infraestructura SA de C.V: 14.197.338,57€ máis IVE/ano (3,72% de baixa)
- UTE Extraco, Construcións e Proxectos — Rede Ambiente-Engenharia e Serviços SA: 14.279.915,77€ máis IVE/ano (3,16% de baixa)
- UTE Acciona Servicios Urbanos SL— Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales SL: 14.329.740,54€ máis IVE/ano (cun 2,8221% de baixa)
En consecuencia, e logo da apertura das ofertas, a UTE da empresa ourensá COPASA e Setec Building perfílase como a gañadora do concurso convocado polo Concello para prestar o servizo na cidade ata o ano 2036, xa que presentou a mellor oferta técnica e tamén a mellor oferta económica. FCC, socia de COPASA na actual concesionaria do servizo na cidade quedara excluída do concurso por un erro na súa oferta.
O goberno municipal prevé adxudicar o novo contrato antes do mes de abril de 2026, e avanza que “sen dúbida haberá unha mellora inmediata do servizo, que será aínda maior dentro de 14 meses, cando cheguen a nova maquinaria e novos camións”. Engade tamén que os contedores están a piques de adxudicarse a través doutro concurso e chegarán en 5 meses.



