A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse cos alcaldes da Gudiña, José María Lago; e de Riós, Francisco Armando Veiga, cos que abordou propostas formativas para mellorar as oportunidades laborais na contorna
Os concellos amosaron o seu interese de ofertar formación técnica en materia de enerxías renovables e emprego verde
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse en Santiago de Compostela cos alcaldes dos concellos ourensás da Gudiña, José María Lago; e de Riós, Francisco Armando Veiga; cos que abordou a posta en marcha de novas liñas de formación nas súas comarcas, adaptadas ás necesidades do seu tecido produtivo e co obxectivo de asentar poboación nestes núcleos rurais.
En ambos os dous casos, os alcaldes amosaron o seu interese polo desenvolvemento de propostas formativas que garantan a cualificación técnica de traballadoras e traballadores en materia de enerxías renovables e emprego verde e vencellado co tecido produtivo das súas contornas. A Xunta estudará as propostas que, segundo indicou a conselleira, favorecerán a mellora da capacitación en sectores destacados nas comarcas ourensás e, en definitiva, as oportunidades laborais nestas zonas rurais.
No caso concreto da Gudiña, o alcalde trasladou á conselleira o interese do concello en poñer en marcha proxectos relacionados co sector das enerxías renovables (solar, fotovoltaica e eólica). O alcalde de Riós, pola súa banda, destacou o labor do Centro de Desenvolvemento Agroforestal, onde se traballa na conservación e mellora xenética da castaña, un produto moi vencellado coa comarca. A Administración autonómica avaliará a súa homologación como centro de formación para o emprendemento neste sector.
Lorenzana subliñou a importancia de desenvolver accións formativas e dotar de recursos que favorezan a empregabilidade nos núcleos de configuración rural como A Gudiña e Riós para asentar poboación e garantir o desempeño laboral de actividades que repercutan directamente na mellora da economía local.