HomeA CoruñaA Xunta avanza na aposta pola atracción de talento emprendedor ao rural...

A Xunta avanza na aposta pola atracción de talento emprendedor ao rural coas reunións do proxecto Fixar que potencian os espazos ‘Coliving’

- Anuncio -spot_img

— A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social asistiu hoxe en Laxe á segunda xuntanza desta iniciativa, impulsada polo Goberno galego coa Asociación Cultural Sende e da que forman parte os coliving de Sende, Anceu e iSlow

— O obxectivo destes encontros é fomentar o intercambio de experiencias e fortalecer as relacións entre os participantes desta acción, que o Executivo galego potenciará este ano cunha segunda edición, e seguir promovendo novas ideas e proxectos no rural

— Marta Mariño lembrou o éxito da experiencia piloto de Fixar, desenvolvida en 2024 e na que participaron 60 emprendedores de diferentes perfís que tiveron a oportunidade de realizar diferentes estadías nos coliving participantes

— A nova edición de Fixar afondará en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal e avanzarase no aproveitamento de sinerxías locais coa Rede de Polos despregada por toda Galicia, que conta actualmente con 15 oficinas

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe á segunda xuntanza do proxecto Fixar, unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta en colaboración coa Asociación Cultural Sende para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural da que forman parte os coliving de Sende (Lobeira, Ourense), Anceu (Ponte Caldelas) e iSlow (Laxe, A Coruña). O obxectivo de encontros como o de hoxe, celebrado en iSlow, é fomentar o intercambio de experiencias e fortalecer as relacións entre os participantes do proxecto promovendo o desenvolvemento de novas ideas e proxectos no rural.

Alí Marta Mariño puxo en valor a importancia de xuntanzas coma esta para afondar no potencial do modelo coliving, que contribúe a facer fronte a retos como o demográfico ou a remuda xeracional e seguir avanzando no proxecto Fixar, que o Goberno galego potenciará este ano cunha segunda edición. Neste sentido, a directora xeral lembrou o éxito da experiencia piloto de Fixar, desenvolvida en 2024 e na que participaron 60 emprendedores de diferentes perfís que tiveron a oportunidade de realizar diferentes estadías nos coliving de Sende, Anceu e Islow.

Nesta nova edición afondarase en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal, de maneira que a súa posta en marcha poida ser beneficiosa para a persoa emprendedora e para a contorna, explorando as sinerxías locais e coa propia Rede de Polos despregada por toda Galicia, que conta actualmente con 15 oficinas activas.

Esta iniciativa é unha das multiples medidas encadradas na estratexia global de emprendemento impulsada polo Goberno galego e á que se destinarán máis de 32 millóns de euros neste exercicio, con especial foco no emprendemento ligado ao territorio. Accións coma esta fixeron a Galicia merecedora do galardón como Rexión Emprendedora Europea 2025 polo labor á hora de potenciar proxectos que contribúan a fixar poboación nas catro provincias.

A experiencia piloto de Fixar

Os 60 emprendedores que participaron o ano pasado na experiencia piloto de Fixar recibiron orientación e formación en áreas como a xestión de proxectos, estratexias de emprendemento e networking e ferramentas para desenvolver os seus negocios e iniciativas desde a contorna rural. Isto permitiulles captar novos clientes, ampliar as súas redes de contactos e mellorar a súa estratexia empresarial.

Así mesmo, a iniciativa permitiu consolidar unha comunidade activa que segue medrando tanto de xeito online como a través de eventos presenciais, coa celebración das denominadas Xuntanzas Fixar como a de hoxe. Tamén se creou un mapa para identificar e estudar os proxectos participantes, co obxectivo de que sexa unha ferramenta de investigación e conexión de oportunidades no territorio ao abeiro dos mesmos.

Publicacións Relacionadas