O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a praza de abastos deste concello ourensán, beneficiario da orde de axudas do Executivo galego para potenciar estes espazos esenciais no comercio de proximidade
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Xinzo, Amador Díaz, visitou as instalacións da praza de abastos deste municipio ourensán, beneficiario da orde de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha achega de máis de 19.000 euros para impulsar este espazo e favorecer a súa certificación na rede de Mercados Excelentes en Galicia.
En total, 28 municipios recibiron preto de 700.000 euros para levar a cabo tanto accións necesarias de cara á obtención do selo de Mercado Excelente como melloras nos mercados, co gallo de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.
Neste senso, Gabriel Alén puxo en valor o alto número de solicitudes recibidas este ano na liña de diagnose e de elaboración da documentación, o que lle está permitindo á Xunta realizar un estudo pormenorizado das necesidades de actuación prioritarias a curto e medio prazo para a transformación das prazas de abastos en Mercados Excelentes.
Todo isto, lembrou, no marco do proceso de elaboración do Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, actualmente en fase participativa con todo o sector coa previsión que presentalo no primeiro trimestre do vindeiro ano. A este respecto, o director xeral resaltou que para o Executivo galego é unha prioridade abordar o futuro do comercio da man de todos os axentes implicados -entre eles, tamén, os praceiros e praceiras- co obxectivo de recoller as súas achegas para abordar o futuro con garantías, algo imprescindible para poder afianzar un tecido comercial sólido, renovado e adaptado aos novos tempos.