A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este mediodía o expediente para contratar as obras do proxecto de humanización e mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco, no barrio da Cuña, cun orzamento de licitación de 5.114.185,52 euros. A actuación prevé a instalación de 5 ramplas mecánicas que salvarán a forte pendente existente nesta rúa, desde a súa parte inferior, na confluencia coa avenida de Zamora, até a zona máis alta, máis alá do centro de saúde do barrio.
Na súa sesión ordinaria desta semana, a xunta de goberno adoptou 31 acordos. Entre eles, deu o visto e prace aos convenios de colaboración do Concello co Liceo de Ourense, coa agrupación de asociacións veciñais Miño e coa Federación Limiar.
Licenzas (6). Concedeu 4 licenzas: para o modificado do proxecto de modernización de ascensor e portal dun edificio na rúa da Concordia; para a instalación de ascensor e adaptación de baixo cuberta para trasteiro nun edificio na avenida de Portugal; para a demolición dun edificio na avenida de Zamora, e para a colocación de ascensor e ampliación de media planta nun edificio de vivendas da rúa Río Támega. Tamén estimou unha solicitude de declaración de innecesariedade de licenza urbanística de segregación dunha parcela na rúa Castro Caldelas e declarou a caducidade dunha licenza de obras.
Disciplina (2). Acordou impor senllas multas ás propiedades de varios inmobles en situación de ruína na rúa de Ponferrada, na Senda tras o estadio e no Camiño tras o estadio, por non executar as ordes de demolición ditadas polo Concello, e requirir de novo a súa execución.
Patrimonio (4). Resolveu catro reclamacións de responsabilidade patrimonial.
Contratación (1). Aprobou o expediente para contratar as obras do “proxecto de humanización e mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco”, cun orzamento de licitación de 5.114.185,52 euros, por procedemento aberto.
Artes e festexos (1). Aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e o Liceo de Ourense, ao que se lle concede unha subvención nominativa de 9.000 euros.
Participación Cidadá (4). Aprobou os convenios de colaboración do Concello de Ourense coa Agrupación de Asociacións Veciñais do perímetro rural e da periferia Miño e coa Federación de Asociacións veciñais Limiar reguladores das subvencións municipais a ambas as entidades para os anos 2024 e 2025. Son dous convenios coa agrupación Miño e outros dous coa federación Limiar por un importe de 15.200 euros cada un deles.
Persoal e Recursos Humanos (2)
· Resolveu o proceso selectivo para a cobertura polo sistema de libre designación do posto de traballo de Coordinador Xeral da Administración Municipal, persoal directivo do Concello de Ourense, nomeando para desempeñar o dito posto a Juan Ramón Costas Núñez.
· Aprobou definitivamente a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) que cambia a adscrición orgánica das unidades administrativas de parques e xardíns dependentes da Área de Goberno de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo, e as funcións dalgúns postos de traballo.
Avogacía consistorial (11). A Xunta de Goberno Local deu conta dunha sentenza da Audiencia Provincial de Ourense, de 4 sentenzas do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 e dunha sentenza e dun auto do número 1. Ademais, foi informada de que o Concello deberá comparecer diante dos xulgados do contencioso-administrativo número 1 e 2 en 4 procedementos xudiciais.

 
                                    

